Láncara organiza unha excursión á Ribeira Sacra para as persoas maiores o vindeiro 11 de setembro

SarriaXa
A actividade inclúe unha ruta en catamarán polo Canón do Sil, visita a Castro Caldelas, xantar e desprazamento en autobús por 30 euros
ribeira-sacra-vista
16 Aug 2026

O Concello de Láncara abre o prazo de inscrición para participar nunha excursión á Ribeira Sacra dirixida ás persoas maiores do municipio, unha iniciativa que terá lugar o vindeiro venres 11 de setembro e que permitirá descubrir algúns dos espazos máis emblemáticos do interior de Galicia.

A xornada incluirá un paseo en catamarán polo Canón do Sil, unha das principais atraccións turísticas da Ribeira Sacra, ademais dunha visita cultural á localidade de Castro Caldelas, un dos conxuntos históricos máis destacados da provincia de Ourense.

Os participantes tamén poderán desfrutar dun xantar composto por empanada galega, polbo á feira, carne ao caldeiro, sobremesa e café, nunha actividade pensada para fomentar a convivencia e o lecer entre as persoas maiores.

O prezo da excursión será de 30 euros por persoa e inclúe o desprazamento en autobús, o paseo en catamarán e o xantar. O Concello informa de que as persoas empadroadas en Láncara terán prioridade á hora de obter praza, que se asignará por rigorosa orde de inscrición.

As inscricións poderán formalizarse ata o martes 8 de setembro nas Oficinas Municipais e na Biblioteca Municipal. As persoas interesadas poden solicitar máis información nos teléfonos 982 543 066 e 982 543 077.

0.10966992378235