Láncara, protagonista no Congreso de Comunidades amigables coas persoas maiores en áreas rurais

San Sebastián acolleu a celebración do Congreso de Comunidades amigables coas persoas maiores en áreas rurais, unha cita patrocinada pola Organización Mundial da Saúde Organización Mundial da Saúde e organizada polo Imserso Imserso xunto co Goberno Vasco, a Deputación de Gipuzkoa e o Concello de Donostia San Sebastián.
Baixo o lema “¡Transformando xuntos! Un mundo amigable coas persoas maiores, conectado, equitativo e sostible para todas as xeracións”, o congreso abordou cuestións como a conexión social, a inclusión dixital, a sustentabilidade, a participación e os coidados, nun contexto marcado polo aumento da lonxevidade e a transformación demográfica.
Nel interviñeron representantes de entidades de diversos países e responsables institucionais, entre eles o ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, a conselleira de Benestar, Xuventude e Reto Demográfico, Nerea Melgosa, e o alcalde de Donostia, Jon Insausti.
Tamén estiveron presentes diferentes colectivos que quixeron poñer no mapa os espazos rurais nos que tamén afectan estes temas. Así, desde a Cooperativa Galega Xuvenil Atoupa, nacida en Galicia e vinculada á Universidade da Coruña, presentaron no congreso a súa visión sobre comunidades amigables coas persoas maiores en áreas rurais: reflexións sobre as oportunidades e retos do seu desenvolvemento en Galicia (España). Dentro desta achega expúxose o caso de Láncara: municipio rural da provincia de Lugo.
Láncara, con arredor de 2.500 habitantes, presenta unha elevada dispersión poboacional e un marcado envellecemento demográfico, xa que o 45,1 % da poboación ten 60 ou máis anos. O diagnóstico de amigabilidade realizouse seguindo as recomendacións metodolóxicas do Protocolo de Vancouver.
Desenvolveuse unha metodoloxía mixta, cun perfil sociodemográfico inicial, entrevistas e grupos focais con 27 persoas maiores e 17 entrevistas a profesionais, persoas coidadoras e representantes de entidades. A dispersión territorial obrigou a adaptar a metodoloxía, organizando os grupos en tres zonas do municipio.
Os resultados mostran problemas, fortalezas e propostas. Entre os problemas destacan as dificultades de mobilidade nun territorio disperso con transporte público limitado, a falta de cobertura telefónica en zonas rurais e a escaseza de persoal de axuda no fogar e servizos sociosanitarios.
Como propostas, recóllese a creación de transporte a demanda, melloras de accesibilidade e iluminación de camiños e máis actividades itinerantes para fomentar a socialización nas parroquias.
Como fortalezas, destaca o papel da comunidade, dos pequenos comercios e das asociacións veciñais como “infraestruturas sociais”, que favorecen a socialización e os vínculos comunitarios.