Láncara rende homenaxe á troita con tres xornadas gastronómicas este verán

SarriaXa
A programación inclúe unha xornada nas parroquias o 31 de xullo e outra na Pobra de San Xiao o 14 de agosto, ademais dunha nova cita gastronómica o 4 de setembro
Festa-da-Troita-Lancara
20 Jul 2026

O Concello de Láncara volve apostar pola promoción da súa tradición gastronómica coa celebración de dúas Festas da Troita, que terán lugar entre finais de xullo e mediados de agosto, ás que se sumará unha nova xornada de degustación no mes de setembro.

A primeira das citas celebrarase o 31 de xullo na Taberna Airexe, onde dará comezo unha programación que levará a degustación gratuíta de troita aos bares das parroquias do municipio. O obxectivo é achegar este produto típico a diferentes puntos do concello e dinamizar a hostalaría local.

A programación continuará o 14 de agosto coa Festa da Xuventude e da Troita, que se desenvolverá na Praza dos Labregos, na Pobra de San Xiao. A xornada arrancará cunha degustación gratuíta de troita coa consumición, amenizada pola charanga Unión Phenosa. Pola noite, a música será a protagonista cun concerto dos grupos Gintoni's e A Duendeneta, que porán o peche festivo á celebración.

Ademais, o Concello ten prevista unha terceira cita o 4 de setembro, cando a Festa da Troita chegará aos establecementos Casa Enriqueta, Casa Pedro, A Reboleira e Cantina de Saa, onde tamén se ofrecerán degustacións gratuítas deste produto.

Con esta iniciativa, o Concello de Láncara busca promover un dos produtos máis representativos da gastronomía local, apoiar a actividade da hostalaría e ofrecer novas propostas de lecer durante os meses de verán.

0.10231804847717