Lucía Pérez presenta unha nova versión de “Lela” como homenaxe ao Día das Letras Galegas

A cantante Lucía Pérez lanzará este domingo 17 de maio unha nova versión do tema “Lela” coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas. A artista do Incio rende así homenaxe a unha das pezas máis recoñecidas do patrimonio musical galego cunha reinterpretación que contará cunha coidada proposta musical e audiovisual.
O tema inclúe o acompañamento musical de Xabier Vizcaíno, que participa coa guitarra e a voz, así como da violinista Loida Díaz. Ademais, o videoclip desta nova versión foi gravado no Fogar do Santiso, un espazo emblemático situado en Santiago de Compostela.
Lucía Pérez continúa deste xeito apostando pola música en galego nun ano especialmente significativo para a súa carreira e vida persoal, xa que celebra un triplo aniversario: os seus 20 anos de traxectoria profesional, os 15 anos desde a súa participación no Festival da Eurovisión e os seus 40 anos de vida. A artista publicou este ano o tema “Porque no” en castelán, aínda que ela mesma asegurou que seguiría creando música en galego por ser a súa lingua.
“Lela” está considerada unha das cancións máis emblemáticas da cultura musical galega. A súa letra foi escrita por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e a música foi composta por Rosendo Mato Hermida. A peza foi creada orixinalmente para a obra teatral 'Os vellos non deben namorarse'.