Luis Vizcaíno, xerente de ElectroSarria: “O noso forte é a atención ao cliente e a calidade do traballo”

Jessica Fernández
ElectroSarria fai 25 anos, como foron os inicios?
Hai 25 anos, Carlos, José Luis e eu, que traballabamos xuntos noutra empresa, decidimos emprender e comezar con esta aventura. Co paso do tempo, José Luis xubilouse e seguimos á fronte Carlos e mais eu. Esta empresa dedícase ás instalacións eléctricas, desde o principio enfocada ás instalacións no rural, en explotacións, sendo as gandarías, establos e granxas os lugares onde centramos a maior parte do noso traballo. Tamén, instalamos grupos electróxenos automáticos e encargámonos do mantemento deses sistemas. En 2018 fomos ampliando, equipando granxas de galiñas, de polo e de porcos. E iso levounos cara ao ámbito fotovoltaico, porque había moita demanda por parte dos propios clientes de placas solares, con almacenamento ou sen el; e na actualidade temos un importante impulso nos cargadores de coches.
Como é o traballo do equipo?
Temos doce traballadores, existindo dúas partes diferenciadas na empresa: hai unha parte eléctrica, na que nos dedicamos ás instalacións e ao mantemento no eido eléctrico, e outra parte máis mecánica, de montaxe de granxas. Montamos o interior da granxa, con comedeiros, bebedeiros… todo o que necesiten os animais para estar dentro das instalacións, automatizámolo todo coas últimas tecnoloxías dispoñibles, e despois a terceira pata é a asistencia ao cliente e o mantemento de todo iso. Contamos cun servizo de avarías 24 horas, incluso fins de semana, polo que sempre hai persoal de garda para atender posibles incidencias. Ese é o noso forte: o servizo e a calidade do traballo. Levamos a cabo unha atención próxima ao cliente, con asesoramento incluído e contacto continuo. Sempre estamos ao servizo das persoas que nos encargan obras; asesorámolas e atendémolas, porque contamos con xente moi preparada.
Cal é o seu ámbito de actuación?
Actuamos na comarca de Sarria e nun radio de 100 km pola provincia de Lugo e Galicia. Estivemos en Guitiriz, por exemplo, e agora estamos cunha obra en Arzúa. Máis lonxe sería necesario desprazarse e resultaría máis complicado.
En que consiste a instalación de cargadores de vehículos eléctricos?
O cliente merca un coche eléctrico ou híbrido, e nós proporciónalle un cargador para poder cargalo na casa, o que implica realizar unha instalación conforme á normativa vixente, tramitar documentación e xestionar unha subvención que normalmente está aberta durante boa parte do ano. De todo iso encárgase a nosa oficina técnica: proporcionamos toda a documentación da subvención, a legalización do cargador, realizamos a instalación, poñémolo en marcha e deixámolo todo debidamente documentado segundo a normativa. Hai unha persoa na oficina que se encarga de solicitar toda a documentación ao cliente, xestionar a legalización e tramitar a subvención, que pode chegar ata o 80 % do investimento. Todo ese proceso xestiónase integramente desde a oficina.
Cre que aumentará a venda de vehículos eléctricos tendo en conta a subida dos combustibles fósiles debido á guerra entre EE.UU e Irán?
Para min, o coche eléctrico é unha solución de futuro. Non o recomendo para viaxes moi longas pola autonomía que teñen, xa que implica facer varias paradas. Pero para o uso diario é unha opción interesante para aforrar, tendo en conta o custo dos combustibles. Ademais, existen subvencións para a compra destes vehículos e tamén para os cargadores, polo que tamén se aforra nese sentido.
Mantense a alta demanda de placas fotovoltaicas?
Non, baixou. Esa demanda sempre depende do prezo da electricidade. Cando sobe o prezo, a xente busca alternativas para reducir a factura. Agora mesmo a demanda baixou tranquilamente un 50 %. Nós seguimos instalando porque, como comentaba antes, en granxas illadas proporcionamos corrente mediante enerxía fotovoltaica e almacenamento con baterías de litio, para que toda a explotación funcione. O 90 % das grandes explotacións teñen placas solares porque reciben subvencións para investir nelas, non requiren demasiado mantemento nin xeran demasiadas avarías e aportan un retorno do investimento rápido.
Como cre que está o sector?
Como en todos os sectores, falta man de obra cualificada e no noso ámbito, que é máis técnico e require formación, cústanos atopala. Pero agora temos algún rapaz que vén de FP dual e moi ben, estamos moi contentos. Paréceme unha solución para formar unha persoa na rama eléctrica e ao entrar na empresa xa chegan con nocións e ganas de traballar, ven a realidade do sector e poden decidir se lles gusta ou non. En resumo, o sector eléctrico está nun momento forte.