Mari Armesto, da Asociación Cultural de Laiosa: “Queremos dignificar a nosa vida”
Por Jessica Fernández
Cando e como xorde a asociación?
A asociación xorde hai máis de 40 anos, nos anos 80, na que un grupo de veciños decidiron poñer en marcha esta agrupación, que eu mamei desde pequena, xa que a miña nai tamén formou parte dela. Aquela era outra época na que Laiosa tiña máis habitantes e a xuventude era un piar fundamental para fomentar un lugar de encontro e activación. Antes, a cousa era máis natural porque a xuventude estaba toda xunta, mentres que agora manter a asociación require un esforzo. Antes a mocidade involucrábase dunha forma activa porque era parte do seu ocio, agora os que estamos á fronte de calquera asociación facemos voluntariado e é un compromiso para non deixarllo esmorecer, é unha obriga. Ademais, cada un estamos nun sitio e os traballos de agora son diferentes.
Polo tanto, pode dicir que a evolución da asociación foi cara a unha situación peor?
Si, en certo modo, porque para organizar un magosto, que parece algo sinxelo, temos que utilizar as nosas vacacións. Hai que buscar tempo libre para dedicarlle á parte de comunidade e é sacrificado porque a nivel institucional tampouco se fomenta a dignidade das aldeas nin se nos facilita nada, polo que temos que ser nós quen tire do carro. Por outra banda, a parte máis difícil é combater a resignación que xa está instaurada no sentir da xente de que eles non o merecen. Dinnos que “como somos poucos, para que facelo”. A parte cultural está no desleixo, non se considera un servizo que hai que potenciar, e para nos é o eixo fundamental da vida. Agora, hai comodidades no rural, pero perdeuse o sentido de estar aquí. Somos combatentes coa idea de romantizar as aldeas, hai cousas que son inigualables aquí, pero tamén sabemos como é vivir aquí e o que padecemos, sen servizos, sen programación cultural, estamos illados... Ademais, perdeuse o costume de facer festas despois dos traballos, co que se perdeu a afectividade, a confianza... Hai residencias para maiores, pero o que se respira non é un ambiente vital, non hai esa enerxía. Entón, cando organizamos algo, é unha actividade senlleiras e orixinal, é un revulsivo para moitas semanas.
Que actividades organizan?
Facemos dúas xuntanzas anuais, a do magosto, que sempre o convertemos nunha proposta cultural e participativa con actuacións dos propios veciños para afianzar as relacións; e no verán sempre facemos a cea de socios, na que participa moita xente que vén de vacacións de distintos lugares, e moitas veces está acompañada de actividade lúdica ou ocio. Ademais, ao longo do ano, dependendo de como sexan as nosas vidas, organizamos outras actividades, como cursos, excursións, xornadas sobre etnografía, memoria... Parece que facemos actividades puntuais, pero somos moi da parte perfomativa, facemos o que nos gusta, somos flexibles e imos vendo o que nos apetece facer. Pretendemos ir fluíndo e iso é ser corresponsables co que facemos. Ás veces programamos algo e dependendo da participación da xente, cambiamos. É traballar coa xente sen impoñer.
Cantos socios teñen?
Actualmente, a asociación conta con máis de 100 persoas de Laiosa, das parroquias veciñas, de fóra... Hai xente que veu a algunha actividade e quedou tan sorprendida que se uniu porque vén e respira isto e parécelle impresionante. Non facemos unha cultura de consumo, o máis importante é o vínculo e intentar crear patrimonio vivo.
Cales son os valores da asociación?
Dignificar a nosa vida, que somos importantes; facernos valer porque parece que o temos que berrar, que non se dá por feito. Non somos un núcleo histórico arquitectónico, artístico... pero temos un patrimonio social, vivo, necesitamos respirar cultura, esa parte comunitaria que cura parte das enfermidades mentais que se sofren no rural. Non estamos no mapa de Galicia como unha zona das zonas punteiras e destacadas e estamos abandonados polas institucións. Este sentir que temos é o mesmo en todas as asociacións do rural que intentan traballar pola xente. Non se nos pon en valor á xente que traballamos polo ben común das aldeas.
Teñen colaboración doutras entidades?
Puntualmente pedimos cousiñas ao Concello do Incio ou a Deputación de Lugo para para pagar unha xornada ou unha actuación, porque non temos presuposto e facemos enxeñería inventiva para conseguir recursos. Pero a carencia é que non hai un acompañamento directo; as propias institucións non cren neste tipo de vida, van facendo algunha cousa, pero non hai unha vontade política por que esta parte asociativa estea apoiada, non lles parece importante. Aquí non é mandar uns gaiteiros, é estar coa xente. Parecen tontadas, pero o labor das asociacións do sur de Lugo é similar e é unha problemática fonda.
Cales son os proxectos de futuro?
Como proxecto de futuro, seguir como ata agora. Estamos moi comprometidas, imos seguir facendo as dúas xuntanzas anuais e outras actividades, e queremos combater esta parte negativa. Temos ideas moi potentes que se presentaron ás institucións pero non fan caso, só necesitamos acompañamento e sensibilidade política, e é urxente. Vai ser complicado o relevo xeracional, porque os máis novos xa estamos á fronte, pero estaremos aquí para dignificar a nosa vida e que a cultura é un eixo fundamental, como o comer. Necesitamos xente que escoite á veciñanza e que intente facer cousas, que nos escoite como voluntarios do rural, xa que somos os intermediarios entre a veciñanza e as institucións. Temos moitas e boas ideas, pero ás veces non conseguimos lograr todo o que nos propoñemos por falta de apoio.