O alumnado do CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela extrae ADN dun plátano nun obradoiro de xenética

O alumnado do CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela participou nunha actividade práctica de iniciación á xenética coa visita de Carmela Cela Rodríguez, bioquímica, veciña do municipio e exalumna do colexio.
Durante hora e media, os escolares transformaron a aula nun pequeno laboratorio e seguiron as explicacións da científica para realizar unha extracción de ADN dun plátano. Ao rematar o experimento, cada neno e nena puido levar a súa propia mostra xenética.
A xornada completouse cunha entrevista na sala de MundoTria Radio, cuxo contido formará parte do próximo programa de novembro.
Desde o Concello e o CEIP Eduardo Cela Vila agradeceron a Carmela Cela a súa participación e a oportunidade de achegar o coñecemento científico aos máis pequenos dunha maneira práctica e divertida. Tamén trasladaron o seu orgullo polos seus logros profesionais.