O alumnado do CPI Ramón Piñeiro celebrará Halloween cun percorrido polo comercio local e unha festa infantil

A Pobra de San Xiao vivirá unha tarde de Halloween o venres 30 de outubro cunha proposta dirixida aos máis pequenos que combinará o tradicional truco ou trato cunha festa no pavillón polifuncional.
A iniciativa está organizada pola ANPA Pícaros do CPI Ramón Piñeiro de Láncara. Ao saír do colexio, os nenos e nenas percorrerán os comercios da capitalidade municipal para pedir lambetadas e encher as súas cestas de doces.
Despois do percorrido, a celebración continuará no pavillón polifuncional, onde haberá unha merenda e a actuación do dúo Dilema.
A actividade conta coa colaboración do Concello de Láncara e busca ofrecer unha alternativa de lecer para que os escolares poidan gozar xuntos desta celebración.