O BNG de Sarria reclamará medidas urxentes para activar as vivendas sociais da rúa Maior

SarriaXa
A formación levará ao pleno propostas para mobilizar os inmobles municipais, impulsar novas promocións de alugueiro público e limitar as vivendas de uso turístico
Efrén-Castro,-BNG-Sarria
20 Oct 2026

O BNG de Sarria presentará no próximo pleno municipal varias propostas para facer fronte á crise da vivenda no concello. Entre as medidas que defenderá a formación están a posta en uso das cinco vivendas rehabilitadas para alugueiro social da rúa Maior, a cesión de solo municipal para construír novos inmobles públicos e a regulación das vivendas de uso turístico (VUT).

A organización sinala que as dificultades para acceder a unha vivenda digna afectan especialmente á mocidade, pero tamén a persoas doutras franxas de idade. Segundo expón o BNG, o encarecemento da alimentación, da enerxía e dos servizos básicos, unido á evolución insuficiente dos salarios e das pensións, reduce a capacidade económica das familias e agrava o problema habitacional.

No caso de Sarria, a formación asegura que o prezo da vivenda aumentou un 37 % nos últimos cinco anos, segundo os datos dos principais portais inmobiliarios. Ademais, considera que a actividade turística contribúe a incrementar a presión sobre o mercado inmobiliario da vila, que é un dos principais puntos do Camiño Francés.

Un dos asuntos que o BNG levará ao debate municipal é a situación das cinco vivendas rehabilitadas polo Concello na rúa Maior para destinalas ao alugueiro social. Segundo denuncia a formación, os inmobles saíron a licitación hai máis dun ano e só se adxudicou un deles, que aínda non está habitado por non dispoñer de conexión aos servizos.

Por este motivo, o grupo municipal reclamará que se adopten as medidas necesarias para que as cinco vivendas poidan estar ocupadas no menor prazo posible.

A proposta do BNG inclúe tamén solicitar á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado fondos para construír vivenda pública en terreos que ceda o Concello. A formación defende que as administracións con competencias nesta materia deben incrementar a oferta de alugueiro público para responder ás dificultades de acceso á vivenda. Así mesmo, pedirá unha regulación e limitación estrita das vivendas de uso turístico.

O portavoz municipal do BNG, Efrén Castro, considera que as administracións "teñen a obriga de actuar ante unha crise de vivenda como esta". O representante nacionalista cualifica de "irresponsabilidade manifesta" que as cinco vivendas municipais destinadas ao alugueiro social continúen baleiras máis dun ano despois de saíren a licitación.

Castro defende que a resposta á crise pasa por ampliar o parque público de vivenda e confirma que o BNG proporá ceder terreos municipais para que a Xunta e o Goberno central poidan construír vivenda pública en Sarria.

0.16142511367798