O BNG reclama unha rebaixa do prezo do solo na ampliación do polígono de Morelle en Sarria

SarriaXa
Néstor Rego pide ao Goberno modificar a política de comercialización para favorecer a chegada de empresas e desbloquear un proxecto con máis de dúas décadas de atraso
Polígono-O-Morelle-sarria
6 Jul 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG), a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, reclamou ao Goberno central un cambio na política de comercialización da segunda fase do Polígono Industrial de Morelle, en Sarria, coa intención de establecer prezos máis competitivos para o solo industrial e favorecer a implantación de empresas.

O representante nacionalista considera que a actual estratexia dificulta o desenvolvemento dunha ampliación que, segundo lembra, acumula máis de vinte anos de atrasos e promesas sen materializar. Rego cuestiona ademais o papel de Casa47, antiga SEPES, ao entender que unha sociedade pública non debería actuar con criterios propios dunha promotora privada.

Segundo explica, o principal problema non sería a ausencia de demanda de solo industrial na zona, senón unha política de prezos que, ao seu xuízo, afasta posibles investimentos e leva a empresas da comarca a buscar alternativas noutros municipios con condicións máis favorables.

Neste contexto, o BNG solicita ao Executivo estatal que reforce o seu compromiso coa segunda fase do Polígono de Morelle e que dea instrucións a Casa47 para revisar á baixa os importes das parcelas.

A formación nacionalista sostén que unha infraestrutura estratéxica para unha comarca do interior de Galicia debe ter como prioridade facilitar a implantación empresarial, dinamizar a economía e contribuír á creación de emprego, por riba doutros intereses económicos.

Desde o BNG lembran ademais que empresas vinculadas a sectores como o cárnico, a madeira, as molduras, os sistemas de seguridade ou o transporte levan anos pendentes da ampliación do polígono. Segundo sinalan, a falta dunha solución definitiva provocou que algunhas firmas optasen por trasladar a súa actividade a outros municipios con solo industrial máis competitivo.

Néstor Rego insistiu en que, despois de máis de dúas décadas de espera, Sarria precisa medidas concretas para ofrecer condicións atractivas ás empresas e facilitar o seu crecemento sen obrigalas a abandonar a comarca.

0.12731790542603