O CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela celebra o Samaín cunha semana de actividades

O CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela prepara a celebración do Samaín cunha programación especial que se desenvolverá ao longo da vindeira semana e que combinará actividades creativas, propostas relacionadas co outono e iniciativas de convivencia coa comunidade educativa.
A programación comezará o luns 26 de outubro coa elaboración de debuxos e relatos aterradores. O martes 27, o alumnado participará nun obradoiro de disfraces no que tamén estarán implicadas as familias.
O mércores 28 será a quenda da Feira de Outono, que se celebrará na Praza do Concello, acompañada dunha proposta de disfraces terroríficos elaborados na casa. O xoves 29, os personaxes arrepiantes serán os protagonistas da xornada.
A semana rematará o venres 30 de outubro cun magosto e unha celebración do Samaín compartidos co CEIP de Samos, nunha xornada de convivencia entre os dous centros educativos.