O CIM móbil da Xunta ofrecerá atención especializada en Paradela

O Centro de Información á Muller (CIM) móbil da Xunta de Galicia fará este xoves, 15 de outubro, unha nova parada na súa ruta pola provincia de Lugo, achegando ao municipio de Paradela un servizo de atención especializada en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero.
A unidade itinerante prestará servizo en horario de 10.00 a 14.00 horas no campo da feira, ofrecendo á veciñanza un punto de atención gratuíto e próximo no que poder acceder a información, orientación e apoio especializado.
O CIM móbil está atendido por persoal cualificado que presta asesoramento psicolóxico, social e xurídico, ademais de resolver dúbidas e facilitar información sobre os recursos dispoñibles para as persoas que o precisen.
Así mesmo, este servizo promove accións de sensibilización en materia de igualdade de oportunidades, prevención da violencia machista e eliminación dos estereotipos de xénero, contribuíndo a reforzar a información e a protección da cidadanía.
Esta iniciativa forma parte do programa impulsado pola Xunta de Galicia para facilitar o acceso aos servizos dos Centros de Información á Muller nos distintos concellos galegos, especialmente naqueles que non dispoñen deste recurso de forma permanente.