O Concello de Paradela abre a preinscrición do campamento de verán “Lecer en Paradela”

SarriaXa
A actividade desenvolverase do 1 de xullo ao 31 de agosto no pavillón do CEIP e incluirá propostas lúdicas, deportivas e educativas
Campamento-nenos-Paradela
6 Jun 2026

O Concello de Paradela abriu o prazo de preinscrición para unha nova edición do campamento de verán “Lecer en Paradela”, unha iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos co obxectivo de ofrecer actividades de carácter lúdico, deportivo e educativo durante a época estival.

O período de preinscrición permanecerá aberto do 8 ao 26 de xuño e as solicitudes poderán formalizarse nas oficinas xerais ou no departamento de Servizos Sociais do propio Concello. O campamento desenvolverase entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no polideportivo do CEIP de Paradela.

A organización ofrece un total de 30 prazas, con posibilidade de inscrición por meses, quincenas ou semanas, co obxectivo de facilitar a conciliación das familias durante o verán. Terán prioridade os nenos e nenas empadroados no municipio, aínda que tamén se permitirá a participación de menores con vinculación familiar con Paradela e, no caso de existir vacantes, admitirase a outros participantes por orde de inscrición.

Durante o campamento levaranse a cabo actividades tanto nas instalacións escolares como na piscina municipal e noutras localizacións da contorna, combinando xogos, deporte e propostas educativas adaptadas ás diferentes idades.

0.11660504341125