O Concello de Paradela entrega unha nova cesta de benvida a un bebé empadroado no municipio

O Concello de Paradela realizou a entrega dunha nova cesta de benvida correspondente á segunda solicitude por nacemento tramitada no ano 2026. Nesta ocasión, a axuda foi concedida a Gael Fernández Losada, un neno nado e empadroado no municipio.
A iniciativa inclúe un lote de produtos de primeira necesidade valorado en 200 euros, co obxectivo de apoiar ás familias nos primeiros meses de vida dos recentemente nacidos. A alcaldesa de Paradela, Montserrat Mulet, foi a encargada de facer entrega deste lote aos pais do menor, Noelia Losada e Adrián Fernández.
O programa de apoio á natalidade e á adopción foi aprobado polo Concello no mes de decembro de 2023 mediante unha ordenanza específica que regula a concesión destas axudas. Ademais do lote de produtos, as familias beneficiarias reciben unha axuda económica directa de 1.000 euros, que se aboa en dous prazos: un primeiro pagamento correspondente ao 75 % no momento da solicitude e un segundo do 25 % restante unha vez acreditada a residencia efectiva durante un ano desde o nacemento ou adopción.
Desde o goberno local sinalan que esta medida ten como finalidade fomentar a natalidade e contribuír a fixar poboación dentro do termo municipal, ofrecendo apoio ás familias que deciden desenvolver o seu proxecto de vida en Paradela.