O Concello de Sarria desminte a cancelación da Festa da Eclipse e confirma que se celebrará en San Marco

SarriaXa
O Goberno local atribúe a polémica a unha interpretación errónea das zonas de exclusión e lembra que a programación segue adiante con todas as garantías de seguridade
Ermita-de-San-Marco-Sarria
30 Jul 2026

O Concello de Sarria saíu ao paso das informacións difundidas nas últimas horas para aclarar que a Festa da Eclipse prevista en San Marco non foi prohibida nin está cancelada. O executivo municipal asegura que a confusión xurdiu por unha interpretación incorrecta da documentación relativa ao dispositivo de seguridade deseñado para o eclipse solar do vindeiro 12 de agosto.

Segundo explica o Concello, a polémica nace ao confundirse as zonas de exclusión establecidas para garantir a seguridade, a mobilidade e a coordinación dos servizos de emerxencia cos puntos oficiais habilitados para a observación do fenómeno astronómico. Neste sentido, lembra que foi a propia administración local quen propuxo a Ermida de San Marco como un dos lugares oficiais desde os que seguir o eclipse.

O feito de que na planificación tamén apareza unha zona de exclusión nas inmediacións da ermida provocou interpretacións contraditorias, aínda que desde o Concello insisten en que ambas cuestións non son incompatibles. Aclaran que ese perímetro responde exclusivamente ás necesidades organizativas do operativo e rodea o punto de observación, sen supoñer en ningún momento a prohibición da celebración prevista.

O Goberno local asegura que continuará colaborando co resto das administracións implicadas para adaptar a programación ás condicións que se establezan, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o cumprimento das medidas fixadas polos organismos competentes ante un evento que atraerá milleiros de visitantes a Galicia.

Ademais, o Concello lembra que xa viña informando nas últimas semanas da celebración da Festa da Eclipse e das recomendacións necesarias para desfrutar da observación do fenómeno con total seguridade. Entre elas figuraba a utilización exclusiva de lentes homologadas con certificación ISO 12312-2:2015, marcado CE e protección fronte á radiación ultravioleta e infravermella, así como a necesidade de comprobar que non presenten danos e respectar sempre as indicacións do fabricante sobre o seu uso.

Desde a administración local destacan que estas medidas son fundamentais para evitar lesións oculares durante a observación do eclipse e reiteran que a prevención é imprescindible para vivir esta experiencia de forma segura.

A Festa da Eclipse celebrarase o 12 de agosto en San Marco coa intención de converter este enclave nun punto de encontro para contemplar un acontecemento astronómico excepcional. A iniciativa combinará actividades divulgativas, culturais e de lecer, ao tempo que pretende promocionar o patrimonio natural, paisaxístico e histórico de Sarria e contribuír á proxección do municipio como un dos lugares de referencia para seguir o eclipse en Galicia.

0.1195821762085