O CourelSon leva este sábado o jazz de Valentín Caamaño Quartet á Ponte de Lóuzara, en Samos

GaliciaXa | SarriaXa
O guitarrista e compositor compostelán, unha das referencias do jazz galego actual, protagoniza unha nova cita do festival que combina música e natureza
Valentín-Caamaño
24 Jul 2026

O Festival O CourelSon 2026 continúa este sábado, 25 de xullo, coa súa programación musical nun novo enclave da serra do Courel. Nesta ocasión, a cita terá lugar na Ponte de Lóuzara, no concello de Samos, onde actuará Valentín Caamaño Quartet, unha das formacións máis destacadas do panorama jazzístico galego.

O CourelSon volve apostar nesta edición por achegar a música a diferentes recunchos naturais da serra, cunha programación que combina cultura, patrimonio e paisaxe, convertendo espazos singulares en escenarios ao aire libre.

Á fronte do cuarteto atópase Valentín Caamaño Tubío, guitarrista, compositor e vocalista nacido en Santiago de Compostela. Formado en Jazz e Música Moderna, desenvolveu a súa carreira en diferentes bandas antes de iniciar o seu proxecto persoal, co que se consolidou como unha das figuras do jazz galego contemporáneo.

O músico publicou varios traballos discográficos e o seu último proxecto, All the Gods, foi moi ben recibido pola crítica especializada e o público, destacando pola combinación de tradición jazzística, influencias do rock e unha sonoridade persoal. Ao longo da súa traxectoria actuou en festivais como o Festival Internacional de Jazz de Lugo, Primavera Jazz de Santiago, Máis Que Jazz Coruña ou BurgoJazz, ademais de ofrecer concertos en salas de toda Galicia e doutros puntos do Estado.

A actuación na Ponte de Lóuzara será unha nova oportunidade para gozar da proposta do festival, que continúa levando música en directo a espazos de especial valor paisaxístico da montaña lucense.

0.12186193466187