O Día Mundial da Saúde Mental pon o foco na infancia, a mocidade e o emprego das persoas con trastorno mental

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
Coincidindo coa celebración deste 10 de outubro, distintas iniciativas en Galicia abordan o impacto da vivenda e a precariedade laboral no benestar da poboación moza, así como o dobre estigma que enfrontan as persoas con trastorno mental á hora de atopar traballo
atencion-saude-mental-suicidio
10 Oct 2026

Este sábado, 10 de outubro, conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, unha data que este ano pon o acento na poboación infantil e xuvenil, aínda que tamén serve de impulso para iniciativas centradas noutro dos grandes retos neste ámbito: a inclusión laboral das persoas con trastorno mental. En Galicia, a xornada coincide coa presentación de distintas campañas e proxectos que abordan ambas as realidades desde perspectivas complementarias.

Infancia e mocidade, no centro da conmemoración

A efeméride chega nun momento especialmente delicado para a poboación máis moza: segundo datos da Organización Mundial da Saúde, unha de cada sete persoas mozas de entre 10 e 19 anos presenta algún problema de saúde mental, nun contexto marcado polo deterioro progresivo do seu benestar emocional. Con motivo desta xornada, o movemento asociativo FEAFES, a través da Confederación Salud Mental España, puxo en marcha unha campaña baixo o lema 'Fai match coa túa saúde mental', artellada arredor da etiqueta #MatchSaludMental e dunha serie de infografías que visibilizan as dificultades que atravesan nenas, nenos e mozos.

Entre os factores sinalados destaca o acceso á vivenda e ao emprego: a idade media de emancipación en España sitúase en 30,2 anos, mínimos históricos segundo o Observatorio de Emancipación do Consello da Xuventude de España, mentres que o 42 % das persoas de entre 24 e 35 anos afectadas pola crise da vivenda percibe a súa saúde mental como mala ou regular. A isto súmanse as violencias sufridas na infancia, os riscos da contorna dixital —onde a idade media de acceso ao primeiro móbil sitúase en 10,8 anos—, as adiccións e a conduta suicida, con un de cada dez adolescentes que recoñece ter desexado quitarse a vida.

O dobre estigma no acceso ao emprego

O Día Mundial da Saúde Mental tamén pon o foco nunha realidade que afecta ás persoas adultas con trastorno mental: as dificultades engadidas á hora de atopar traballo. Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), referidos a 2024, en Galicia ten emprego o 71,1 % da poboación en idade de traballar sen discapacidade, fronte ao 24,5 % das persoas con discapacidade. Cando esta deriva dun problema de saúde mental, a taxa baixa aínda máis, ata o 17,5 %.

Para facer fronte a esta situación, Cegasal, a patronal galega dos centros especiais de emprego de iniciativa social, presenta con motivo desta xornada a terceira edición de 'Capacitadamente', un programa pioneiro posto en marcha en 2023 que une nunha mesma acción os servizos de saúde mental e o emprego protexido. A nova edición arrincará oficialmente o vindeiro 15 de outubro en Santiago de Compostela con alomenos dez persoas xa inscritas, aínda que a previsión é chegar polo menos ás 12 ou 15 participantes.

O presidente de Cegasal, Mino Martínez, explica que "unha persoa con trastorno mental que busca traballo atopa dúas portas pechadas, a da discapacidade e a dos prexuízos, e esta segunda adoita ser a máis difícil de abrir". Segundo sinala, 'Capacitadamente' "naceu para abrir as dúas", a partir dun modelo que senta na mesma mesa a rede de saúde mental e os centros especiais de emprego de iniciativa social. "Desde entón comprobamos que, con formación adaptada e alguén ao lado, as persoas responden", engade.

O programa conta co respaldo de Johnson & Johnson, que financia a iniciativa dende a súa primeira edición, mentres que a execución corresponde a Erit, o centro especial de emprego de iniciativa social da Asociación Itínera, que desenvolverá a formación nun local da Portela cedido polo Concello de Santiago e encargarase tamén do transporte do alumnado. Cegasal, pola súa parte, coordinará o proxecto e achegará asesoramento técnico, boas prácticas e as súas redes de colaboración na economía social.

O alumnado cursará primeiro un bloque común de 50 horas con contidos como ofimática, primeiros auxilios, nocións de nóminas e facturas ou manipulación de alimentos, para despois elixir unha especialidade con prácticas tuteladas: catering, que comezará en novembro; lavado e acondicionamento de vehículos, dende febreiro, pensado para os parques móbiles de administracións e servizos esenciais como coches municipais e de policía, ambulancias ou vehículos de bombeiros; e mantemento de espazos verdes e hortos urbanos, a partir de abril. O obxectivo de Cegasal é que todos os participantes poidan formalizar contratos antes de que finalice 2027.

O propio nome do proxecto, que xoga coas palabras capacitad@ e mente, resume o seu enfoque: centrar a selección nas capacidades de cada persoa e respectar os seus ritmos. As especialidades de catering e vehículos dedicarán ademais 30 horas a coidar a saúde mental no traballo, abordando a xestión do estrés, a resolución de conflitos, a detección de sinais de alerta ou a busca de apoio a tempo. O acompañamento non rematará coa contratación, xa que o proxecto prevé titorías e apoio psicosocial para sostener o emprego no tempo.

"Na edición anterior vimos persoas que levaban anos lonxe do mercado laboral recuperar a confianza e a sensación de ser útiles", apunta Martínez, quen subliña que, coincidindo con esta conmemoración, "este ano o Día Mundial da Saúde Mental pide escoitar a quen vive estes problemas en primeira persoa. O que nos din, edición tras edición, é que queren unha oportunidade para traballar".

A segunda edición do programa pechouse en outubro de 2025 cunha vintena de persoas diplomadas, varias delas xa con contrato ou en prácticas. Esta terceira edición chega poucas semanas despois de que o Consello da Xunta aprobase o novo Plan estratéxico de saúde mental de Galicia 2026-2030, que inclúe medidas para a inclusión social e laboral das persoas con trastorno mental grave, entre elas itinerarios formativos orientados a un emprego remunerado.

Ambas as iniciativas, enmarcadas na celebración do Día Mundial da Saúde Mental, coinciden en sinalar que garantir o benestar emocional —xa sexa na infancia e a mocidade ou no acceso ao emprego das persoas adultas con trastorno mental— require respostas integrais que combinen a prevención, a actuación sobre os determinantes sociais e recursos suficientes.

0.14289903640747