O Esmorga Fest promoverá en Sarria unha xornada de música e actividades para seguir a eclipse total de Sol

Os organizadores do Esmorga Fest, que celebrará unha nova edición o próximo mes de outubro, impulsan unha nova iniciativa cultural en Sarria coa organización de Esmorga Total, un evento que combinará música en directo, actividades para todos os públicos e a observación da eclipse total de Sol prevista para o 12 de agosto.
A xornada desenvolverase na Ermida de San Marco, un espazo elixido para vivir este fenómeno astronómico nun ambiente festivo e de convivencia. O programa arrancará ao mediodía e prolongarase durante toda a tarde e a noite con entrada totalmente gratuíta.
No apartado musical actuarán Eris Mackenzie, Peitoescuro, Axeigo, Axiom Band, Meigas e Trasgos e Peleriños, aos que se sumarán actividades infantís, propostas gastronómicas e outras sorpresas pensadas para completar unha cita aberta a todos os públicos.
A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Sarria, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, e busca converter a observación da eclipse nunha experiencia colectiva na que se dean a man a cultura, a música e a divulgación dun acontecemento astronómico excepcional.