O Festival Bos Tempos encheu La Unión de Sarria nunha terceira edición marcada polo éxito de participación

SarriaXa
A música dos anos 80, 90 e 2000 protagonizou unha xornada que reuniu centos de persoas no centro da vila
Festival-Bos-Tempos-Sarria-26
Actualizada el 9 julio 2026, 06:10 horas
8 Jul 2026

A terceira edición do Festival Bos Tempos, organizada pola Sociedade Cultural La Unión de Sarria, converteuse nun rotundo éxito de participación ao completar o aforo do espazo cultural da entidade cun "todo cheo".

Durante a xornada, os asistentes puideron revivir algúns dos grandes éxitos musicais e dos estilos máis representativos das décadas dos 80, 90 e dos anos 2000, nun ambiente festivo que reuniu a público de diferentes idades.

O cartel estivo encabezado pola actuación do grupo Los Lunes al Sol, que puxo a banda sonora a unha noite na que a música foi a gran protagonista. A programación completouse con sesións dos DJ Dono'Ortega, Gaset, Fialeiro, Soldev e Yorcch, que mantiveron o ambiente durante toda a celebración.

Ademais das actuacións musicais, o festival contou cunha zona de foodtruck e con diferentes sorteos para os asistentes, completando unha oferta de lecer que contribuíu ao éxito da convocatoria.

A entrada gratuíta e a variedade da programación volveron consolidar o Festival Bos Tempos como unha cita de referencia do verán en Sarria, reafirmando o seu obxectivo de crear un espazo de encontro social e cultural na vila.

0.12472987174988