O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria abre as inscricións para a ruta cicloturista en familia

SarriaXa
A actividade celebrarase o 2 de maio e contará cun percorrido por camiños ata a praia fluvial da Pobra de San Xiao
saída-en-bici-IES-Xograr-Afonso-Gómez-Sarria
Actualizada el 14 abril 2026, 13:02 horas
29 Nov -0001

O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria vén de abrir o prazo de inscrición para participar na ruta cicloturista en familia correspondente a este curso, unha iniciativa que busca fomentar o deporte e a convivencia entre a comunidade educativa.

A saída está programada para o sábado 2 de maio e desenvolverase, como nas dúas edicións anteriores, maioritariamente por sendeiros e camiños naturais. O percorrido culminará na praia fluvial da Pobra de San Xiao, onde os participantes compartirán un xantar de confraternidade.

A participación na actividade é totalmente gratuíta, aínda que as prazas están limitadas a un máximo de cincuenta persoas, que serán asignadas por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesadas deberán formalizar a súa participación na vicedirección do centro.

Para garantir a seguridade e o correcto desenvolvemento da ruta, a organización contará coa colaboración de membros do club ciclista local DHGTeam. Ademais, establécese como requisito imprescindible que cada participante acuda acompañado dunha persoa adulta.

Desde o centro lembran tamén a obrigatoriedade do uso de casco durante toda a actividade. Neste sentido, sinalan que o instituto dispón dun servizo de préstamo tanto de bicicletas como de cascos para facilitar a participación.

0.11057114601135