O Incio abre o prazo de inscrición para o seu Campus de Verán

O Concello do Incio puxo en marcha unha nova edición do Campus de Verán, unha iniciativa enmarcada dentro do seu plan de conciliación familiar e laboral que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto.
A proposta está dirixida á infancia e combinará actividades bilingües con deportes, música e ritmo, ademais de talleres centrados na resolución de conflitos e na adquisición de habilidades sociais. O obxectivo é ofrecer unha alternativa de lecer educativo durante o período estival ao tempo que se facilita a conciliación das familias do municipio.
O campus desenvolverase en horario de 9.00 a 15.00 horas e permitirá aos participantes desfrutar de diferentes actividades adaptadas ás súas idades nun ambiente lúdico e formativo.
O prazo para formalizar as inscricións permanecerá aberto ata o próximo 26 de xuño. As persoas interesadas poden obter máis información a través do teléfono 982 427 014.