O Incio achega a música ás novas xeracións con clases para Infantil, Primaria e ESO

SarriaXa
A ANPA do CEIP Ricardo Gasset e o Concello organizan as clases, que serán impartidas pola Banda de Música da Comarca de Sarria a partir do 8 de outubro
ceip-ricardo-gasset-o-incio
2 Oct 2026

A ANPA do CEIP Ricardo Gasset, en colaboración co Concello do Incio, pon en marcha novas clases de música dirixidas ao alumnado de Infantil, Primaria e ESO. A iniciativa, que busca achegar a música ás novas xeracións do municipio, estará impartida pola Banda de Música da Comarca de Sarria.

As clases comezarán o xoves 8 de outubro e desenvolveranse semanalmente pola tarde. O alumnado de Infantil e Primaria terá as sesións de 16.30 a 17.30 horas, mentres que as destinadas a ESO serán de 17.30 a 18.30 horas.

A proposta pretende ofrecer aos máis novos a oportunidade de ter un primeiro contacto coa formación musical nun ambiente compartido con outros compañeiros, ao tempo que coñecen e se achegan á cultura galega a través da música.

A actividade tamén permitirá que os participantes descubran se teñen interese por continuar a súa formación musical e, eventualmente, facer dela unha afección ou mesmo unha posible vía profesional, seguindo o exemplo doutros artistas vinculados á zona, como Lucía Pérez ou Vizcaíno.

0.15172696113586