Un campo de voluntariado centrado na memoria oral e nas rutas sonoras do rural terá lugar no Incio

SarriaXa
A iniciativa “Territorio Sonoro” reunirá mozos de entre 18 e 30 anos para crear audiopaseos xeolocalizados e poñer en valor o patrimonio cultural e natural do municipio
paisaxe-O-Incio-portada
5 Jul 2026

O concello de O Incio converterase este verán nun espazo de creación cultural e participación xuvenil grazas ao campo de voluntariado “Territorio Sonoro”, unha proposta impulsada pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia que aposta por recuperar a memoria oral e divulgar o patrimonio rural a través de ferramentas artísticas e sonoras.

A actividade desenvolverase entre os días 12 e 23 de xullo de 2026 e contará con 15 prazas destinadas a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos procedentes de distintos puntos do Estado. O proxecto terá como escenario principal as parroquias de Trascastro, A Ferrería e Hospital, lugares nos que os participantes traballarán na recollida de historias veciñais e na elaboración de contidos culturais vinculados á identidade local.

O obxectivo da iniciativa é crear audiopaseos xeolocalizados baseados na memoria da veciñanza, unha fórmula que permitirá combinar tecnoloxía, cultura e patrimonio para ofrecer unha nova maneira de coñecer o territorio. A través desta experiencia, os voluntarios participarán en tarefas de gravación, edición e creación sonora, ademais de colaborar en dinámicas de convivencia e aprendizaxe colectiva.

O programa inclúe tamén diferentes actividades complementarias relacionadas coa cultura e a natureza, entre elas visitas a espazos de arte contemporánea rural, a Ruta do Ferro, a praia fluvial de Saa ou obradoiros de baile tradicional. Ademais, organizaranse encontros culturais e xornadas de convivencia para fomentar o intercambio de experiencias entre os asistentes.

O aloxamento realizarase na Cruz do Incio e a organización inclúe manutención, seguro e actividades programadas. O proxecto busca, segundo destacan os seus impulsores, achegar á mocidade á realidade do rural galego e contribuír á conservación do patrimonio inmaterial a través da participación activa e da creación cultural compartida.

0.137943983078