O Incio acolle un taller de aromaterapia e elaboración de bálsamos naturais

O Concello do Incio acolle un taller de aromaterapia e elaboración de bálsamos naturais que terá lugar o sábado 25 de abril, entre as 16:00 e as 19:00 horas, no local multiusos do mercado gandeiro do municipio.
A actividade, de carácter gratuíto, está aberta á participación da veciñanza, aínda que contará con prioridade para as persoas empadroadas no concello. As inscricións deberán formalizarse previamente nas dependencias municipais.
O obradoiro terá un enfoque práctico e estará centrado na primavera, ofrecendo formación sobre o uso de aceites esenciais para o coidado natural da saúde. Durante a sesión abordaranse cuestións relacionadas coa prevención e alivio de afeccións habituais nesta época do ano, como as alerxias, a sensibilidade cutánea ou a astenia primaveral.
A formación será impartida por Noelia Solar, especialista en aromaterapia con máis de 25 anos de experiencia no sector, quen guiará ás persoas participantes na elaboración de preparados naturais e no coñecemento das súas aplicacións.