O Incio amplía a súa oferta de actividades con pilates, zumba, baile, música e clases extraescolares

SarriaXa
A programación comezará en outubro e inclúe propostas para diferentes idades e horarios, con prezos reducidos para as persoas empadroadas
Concello_do_Incio
26 Sep 2026

O Concello do Incio promove para este curso unha nova programación de actividades deportivas, culturais e extraescolares, con propostas de pilates, ximnasia de mantemento, zumba, baile e música tradicional, ademais de clases de inglés e patinaxe para escolares.

Entre as actividades deportivas, as clases de pilates impartiranse os luns e xoves ás 17:00 horas en Val do Mao e os martes ás 17:30 horas e os xoves ás 18:30 horas en Vila de Mouros. A ximnasia de mantemento terá lugar os luns e venres ás 11:00 horas, mentres que as sesións de zumba serán os martes ás 20:00 horas e os venres ás 19:00 horas.

A oferta tamén inclúe aulas de baile e música tradicional. Os xoves haberá baile infantil, de 17:30 a 18:15 horas no colexio, e baile para adultos, de 18:30 a 19:30 horas no Mercado Gandeiro.

Os venres estarán dedicados á música, con percusión para rapazada de 19:00 a 20:00 horas no baixo multiusos do Concello e para adultos de 20:00 a 21:00 horas no Mercado Gandeiro. Tamén haberá clases de gaita para rapazada de 20:00 a 21:00 horas no baixo multiusos e para adultos de 21:00 a 22:00 horas no Mercado Gandeiro.

No ámbito das actividades extraescolares, o Concello ofrece patinaxe para alumnado de secundaria os luns de 16:30 a 17:30 horas e clases de inglés os martes de 17:30 a 18:30 horas para ESO e os mércores, no mesmo horario, para alumnado de Bacharelato.

Ademais, en Vila de Mouros impartiranse clases de inglés con profesor nativo os mércores. Para Primaria serán de 16:00 a 17:00 horas, para Infantil de 17:00 a 17:45 horas e para ESO de 18:00 a 19:00 horas.

As actividades comezarán en outubro. No caso das actividades deportivas e das aulas de baile e música tradicional, o prezo será de 10 euros por actividade e mes, con pagamento trimestral. Para as familias con máis dun neno ou nena, o prezo será de 5 euros por neno ou nena.

As persoas interesadas poden realizar a inscrición no Concello do Incio ou chamando ao 982 427 014. No caso das clases de inglés en Vila de Mouros, serán gratuítas para as persoas empadroadas e terán un custo de 20 euros ao mes para as non empadroadas.

0.15063405036926