O Incio convida a "Bailar o Patrimonio" cunha xornada aberta de música e baile tradicional

SarriaXa
A Escola de Música e Baile Tradicional celebrará o 17 de outubro no antigo mercado unha xornada de portas abertas con actividades gratuítas para toda a veciñanza
baile-tradicional-galego
27 Sep 2026

A Escola de Música e Baile Tradicional do Concello do Incio celebrará o vindeiro 17 de outubro a xornada de portas abertas "Bailar o Patrimonio", unha proposta coa que se pretende achegar a música e o baile tradicional á veciñanza a través de obradoiros, actuacións e unha foliada.

A actividade desenvolverase no antigo mercado e será totalmente gratuíta e aberta a todas as persoas que queiran participar, independentemente da súa experiencia previa.

A programación comezará ás 16.30 horas cun obradoiro de iniciación á pandeireta impartido por Ruth Pérez. Será a primeira das actividades dunha tarde dedicada á divulgación e á práctica da cultura tradicional.

Ás 18.00 horas será a quenda do baile cun obradoiro aberto a todos os niveis, tamén a cargo de Ruth Pérez. A sesión centrarase especialmente no repertorio tradicional da montaña de Lugo, ofrecendo aos participantes a oportunidade de coñecer e practicar diferentes bailes.

A música tomará o protagonismo a partir das 20.00 horas, coa actuación do grupo de pandeireteiras Por Vir. A programación continuará ás 21.30 horas con petiscos e unha foliada libre, coa que se pechará a xornada nun ambiente de encontro e participación.

"Bailar o Patrimonio" busca así converterse nun espazo para compartir e manter vivas diferentes expresións da cultura popular, ao tempo que permite dar a coñecer a actividade que desenvolve a Escola de Música e Baile Tradicional do Incio.

A organización anima á veciñanza a achegarse ao antigo mercado e participar nunha iniciativa na que todas as propostas serán de balde e estarán abertas ao público.

0.14116501808167