O Incio homenaxeará ás vítimas da represión da Casa do Inverno de Eirexalba

A memoria da familia Casas-Rodríguez e das vítimas da represión franquista volverá ao primeiro plano este venres 21 de agosto en Eirexalba, no Incio. Coincidindo cos 90 anos da sublevación militar que desencadeou a Guerra Civil e deu paso á ditadura, a familia da Casa do Inverno promove un acto de homenaxe para lembrar a cinco dos seus integrantes que sufriron a persecución entre 1936 e 1939.
A convocatoria terá lugar ás 12.30 horas na propia casa familiar, situada no número 17 de Vilarreguenga, e está organizada coa colaboración da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) e de amigos da familia.
A homenaxe estará dedicada a Jesús Casas González, a súa muller, Anuncia Rodríguez Maceda; a sogra deste, Carmen Maceda Maciá; e os seus cuñados Ramón e Antonio Rodríguez Maceda. Catro deles perderon a vida como consecuencia da represión, mentres que Antonio sobreviviu tras pasar por prisión.
No encontro intervirá a familiar Isabel Mao e participarán tamén os investigadores Miguel Freire, voceiro da ARMH, e Xurxo Ayán, ademais das escritoras Marica Campo e Olga Novo e persoas próximas á familia. A xornada pretende reconstruír e divulgar unha historia marcada pola violencia, a prisión, o exilio e décadas sen reparación.
A traxectoria familiar estivo tamén ligada á emigración. Jesús Casas e Anuncia Rodríguez marcharon a Cuba ante as dificultades económicas da vida na aldea, onde naceron dúas das súas fillas, Aurelia e Inés. En 1928 regresaron a Eirexalba e retomaron a súa vida no rural, onde nacerían Rosario e Gloria.
A situación mudou radicalmente tras o golpe de Estado de xullo de 1936. Segundo a memoria recompilada pola familia, Jesús abandonou a aldea e refuxiouse na casa duns familiares en Covadelas, na parroquia de Saa, na Pobra do Brollón. O 6 de agosto foi apresado por integrantes da coñecida como Escuadra Negra de Eirexalba, sometido a torturas e posteriormente asasinado. Foi enterrado no exterior do cemiterio de Santa María de Saa e deixou catro fillas orfas. A causa aberta pola súa morte acabou sobreseída.
A violencia continuou apenas dous días máis tarde. O seu cuñado Ramón Rodríguez Maceda foi asasinado tras intentar dar sepultura a Jesús nunha caixa e quedou enterrado no cemiterio de Eirexalba. Tamén deixou dous fillos orfos.
Tras perder ao marido e ao irmán, Anuncia trasladouse coas súas fillas á casa da súa nai, Carmen Maceda Maciá, onde residía igualmente Antonio Rodríguez. Segundo o relato familiar, naquela vivenda prestábase axuda a persoas fuxidas. En maio de 1939 produciuse un tiroteo durante unha intervención da Garda Civil no que morreron un axente e dous fuxidos. Carmen resultou gravemente ferida e faleceu o 4 de maio.
Anuncia e Antonio foron detidos e pasaron primeiro polo cárcere de Monforte e posteriormente polo de Lugo. Anuncia contraeu tuberculose durante o seu encarceramento e morreu en decembro de 1941 no Hospital Provincial de Santa María. Foi enterrada nunha foxa común da zona civil do antigo cemiterio de Magoi, en Lugo. Antonio foi trasladado ao penal do Dueso e conseguiu sobrevivir.
A persecución acabou tamén dispersando a seguinte xeración da familia. Rosario e Gloria emigraron a Venezuela, mentres que Inés e Aurelia marcharon a Nova York.
Co acto deste venres, os descendentes queren rescatar do esquecemento estas vivencias e reivindicar a memoria dunhas vítimas que, segundo subliña a familia, nunca recibiron reparación polo sufrimento padecido. A homenaxe servirá igualmente para lembrar a represión exercida na comarca de Sarria pola denominada Escuadra Negra de Eirexalba, á que se atribúen numerosos asasinatos e saqueos durante aqueles anos.