O Incio impulsa un campo de voluntariado para crear audiopaseos sobre a memoria rural

O Concello do Incio promoverá este verán o campo de voluntariado ‘Territorio Sonoro’, unha proposta artística e cultural que terá lugar entre os días 12 e 23 de xullo nas parroquias de Trascastro, A Ferrería e Hospital co obxectivo de recuperar, conservar e divulgar o patrimonio natural, histórico e humano do municipio. A actividade, de ámbito estatal, contará con 15 prazas dirixidas a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.
O proxecto está impulsado polo Concello do Incio coa colaboración de Outonía Sociedade Cooperativa Galega e conta co financiamento da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición ata tres días antes do inicio da actividade mediante a páxina web da Xuventude da Xunta de Galicia. O custo de participación será de 110 euros e inclúe o aloxamento, a manutención, o seguro e todas as actividades programadas. Ademais, habilitouse o correo electrónico camposdevoluntariado.xuventude@xuntal.gal para resolver dúbidas e ofrecer máis información.
A iniciativa pretende crear audiopaseos xeolocalizados a partir da convivencia coa veciñanza e da investigación sobre o territorio, co fin de xerar novos recursos turísticos sostibles vinculados á identidade local e á cultura rural. O proxecto tamén busca contribuír á eliminación de estereotipos sobre o rural mediante a participación xuvenil e a creación artística.
Durante os días de actividade, as persoas participantes encargaranse da recollida de historias e memoria oral, da realización de entrevistas con veciños e veciñas, así como da gravación de saberes tradicionais, música e baile popular. Tamén traballarán na identificación de espazos de interese patrimonial e emocional das parroquias, ademais da creación de rutas temáticas, elaboración de guións sonoros e gravación e edición de pezas de audio inmersivas.
O resultado final será a elaboración de audiopaseos e arquivos sonoros xeolocalizados que quedarán a disposición do Concello do Incio como unha ferramenta permanente de dinamización turística e conservación da memoria local. A programación incluirá igualmente unha xornada pública de clausura para compartir coa veciñanza o traballo realizado ao longo do campo.
A proposta completarase cun programa de actividades complementarias destinadas a dar a coñecer o territorio, entre elas visitas a espazos culturais como A Grelería, no Incio, a SEDE, en Sarria, ou o Museo de Pedra de Buxán. Ademais, desenvolveranse un paseo pola Ruta do Ferro, actividades no encoro de Vilasouto e na área recreativa de Saa, un obradoiro de baile tradicional “A carballesa” e diferentes veladas nocturnas. As persoas participantes aloxaranse no CEIP Ricardo Gasset.