O Incio impulsa unha Biblioteca Mutante na praza da vila

O Concello do Incio, a través da colaboración coa cooperativa social Outonía: Educación Social e Sustentabilidade rural e co apoio da Furgoteca, vén de poñer en marcha unha Biblioteca Mutante situada na praza da vila, ao carón da parada de taxis.
Este novo espazo de lectura nace coa idea de promover o intercambio libre de libros, de maneira que calquera persoa poida coller un exemplar e deixar outro no seu lugar. Grazas ás doazóns de numerosas persoas, a Biblioteca Mutante inicia a súa actividade cun fondo variado de títulos en galego e en castelán, pensado para todos os públicos.
A partir de agora, a Furgoteca quedará estacionada neste punto para ofrecer o servizo de préstamo bibliotecario os días 22, coincidindo coa celebración da feira local. A apertura deste espazo accesible contou coa presenza do alcalde, Héctor Corujo, e de Branca Albán, integrante de Outonía, que foron os encargados de inaugurar esta iniciativa cultural.
Desde o Concello faise un chamamento a facer un uso responsable deste novo punto de lectura, co obxectivo de garantir a súa continuidade e bo funcionamento.