O Incio transformará a Praza España nunha gran praia urbana cunha tarde chea de actividades

A Praza España do Incio converterase este mércores 5 de agosto nun espazo de diversión estival coa celebración de Montamos a Praia, unha iniciativa que trasladará o ambiente propio dunha xornada de praia ao corazón da vila.
A actividade desenvolverase entre as 17.00 e as 20.00 horas e contará cun amplo programa pensado para o desfrute de nenos, nenas e adultos. Entre as propostas destacan un tobogán acuático, un deslizador de auga e unha gran festa da escuma, que permitirán combater as altas temperaturas dunha forma lúdica e refrescante.
A programación completarase con música, photocall, sesións de pintacaras, tatuaxes glitter e reparto de granizados, creando unha contorna festiva para compartir en familia.
Con esta iniciativa, o Concello busca ofrecer unha alternativa de lecer para a veciñanza durante o verán e dinamizar a actividade na localidade cun evento pensado para todas as idades.