O Muvicla acollerá a terceira edición de 'O Glamour é do máis rural' o 12 de setembro

O Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria de Láncara (MUVICLA) organiza, un ano máis, 'O Glamour é do máis rural', que chega á súa terceira edición o vindeiro 12 de setembro, entre as 16.00 e as 20.00 horas. A xornada desenvolverase en Trasliste, parroquia do municipio de Láncara na que se atopa o museo, e ofrecerá diferentes actividades para achegarse ao mundo rural desde perspectivas relacionadas coa agricultura, a gandaría, a maquinaria, a innovación e a cultura.
O programa comezará ás 16.00 horas coa recepción dos asistentes. Ás 16.05 horas terá lugar a benvida, a cargo de María J. Bande de Castro, presidenta da Asociación de Amigos do MUVICLA e funcionaria do corpo especial de Enxeñaría Agronómica da Xunta de Galicia. Cinco minutos despois, ás 16.10 horas, producirase a inauguración oficial da xornada, con Fernando Seoane Antelo, ex-xogador de fútbol profesional e responsable da Gandaría Fernando Seoane.
Ás 16.20 horas, Serafín Rodríguez Trashorras, fotógrafo, produtor de cine, funcionario da Deputación de Lugo e asesor do MUVICLA, ofrecerá a presentación "Ducati e o glamour do rural". A programación continuará ás 17.00 horas cunha interpretación musical en directo, a cargo de artistas aínda por determinar.
Ás 17.15 horas será a quenda da conferencia "Coqueteos coa maquinaria agrícola, Pegaso e Alfa Romeo", impartida por J. Rubén Abelaira Gesteiro, da Asociación Lucense de Automóbiles Antigos e asesor do MUVICLA.
Un dos principais puntos da xornada chegará ás 18.00 horas coa mesa redonda "O rural debe ter glamour?", que estará moderada por Ana Casanova Vila, xornalista da corporación El Progreso. No debate participarán Sandra López López, profesora, gaiteira e impulsora do proxecto "Aeiroa"; Gemma Roio López, doutora en Enxeñaría de Camiños, Canles e Portos, profesora na UDC e gaiteira; Uxía Salvatierra Otero, enxeñeira agrícola e gañadeira da Gandaría Alejandro Salvatierra; e Lucía Casal Vázquez, técnica superior en Gandaría, gañadeira e influencer, recoñecida cos premios Injuve 2023, MujerAgro 2024 e Mujer Rural e Agroinfluye 2026.
A partir das 19.00 horas terá lugar a clausura da xornada, con Alberto Uría Moreno, capataz forestal, labrego e copromotor de "El País del Abev(e)iro". Ás 19.15 horas volverá haber unha interpretación musical en directo e, finalmente, ás 19.30 horas, a programación rematará cunha degustación de produtos galegos.
O MUVICLA establece un aforo limitado, polo que será imprescindible realizar confirmación previa para asistir á actividade.