O obradoiro de vento madeira da Banda de Música da Comarca de Sarria deixa grandes aprendizaxes

SarriaXa
A terceira edición da iniciativa reuniu 35 músicos e ampliou por primeira vez a participación a toda a familia de instrumentos
BMCS-Obradoiro-Vento-Madeira-Triacastela-(1)
14 Apr 2026

Triacastela converteuse durante a fin de semana do 10, 11 e 12 de abril nun punto de encontro para a formación musical coa celebración do III Obradoiro de Vento Madeira, impulsado pola Banda de Música da Comarca de Sarria.

A principal novidade desta edición foi a incorporación de todos os instrumentos da familia de vento madeira, xa que nas convocatorias anteriores o foco estaba limitado aos de cana simple, como clarinetes e saxofóns, mentres que nesta ocasión tamén participaron frautas, óboes e fagots.

A actividade desenvolveuse nas instalacións do CEIP Eduardo Cela Vila, onde tiveron lugar as sesións formativas, mentres que o aloxamento e as comidas se organizaron no Complexo Xacobeo da localidade. Ao longo dos tres días, un total de 35 músicos tomaron parte nun programa que combinou ensaios, dinámicas lúdicas e propostas orientadas a reforzar a convivencia, ademais de incluír algunhas saídas para coñecer a contorna do municipio.

O obradoiro concluíu o domingo pola mañá cun concerto final no que os participantes ofreceron a familiares e amizades unha mostra do traballo desenvolvido durante a fin de semana, pechando así unha experiencia marcada pola aprendizaxe e o ambiente de compañeirismo.

O equipo docente estivo integrado por Susana Ratón Varela na especialidade de frauta, Tania Balboa Valcarce en óboe, Xosé Fernández Arias en fagot, Claudia Rico Echegaray en saxofón, e Manuel Montero López, Fátima Durán Ortega e Adrián Balboa Valcarce no ámbito do clarinete, todos eles con formación superior nos seus respectivos instrumentos en distintos conservatorios.

A organización destacou a colaboración do Concello de Triacastela e, de maneira especial, do CEIP Eduardo Cela Vila, que facilitou as súas instalacións para a celebración deste encontro formativo.

0.1120879650116