O Páramo abre as inscricións para o seu campamento de verán dirixido a nenos e nenas de 3 a 13 anos

SarriaXa
A iniciativa busca favorecer a conciliación familiar durante as vacacións cun programa de actividades lúdicas e educativas
Campamento-O-Páramo
22 Jun 2026

O Concello do Páramo abriu o prazo de inscrición para unha nova edición do Campamento de Verán 2026, unha iniciativa destinada a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos que teñan autonomía para realizar actividades básicas. O programa desenvolverase entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, de luns a venres e excluíndo os días festivos.

As actividades realizaranse entre as 10.00 e as 14.00 horas, aínda que os horarios de entrada e recollida serán orientativos para facilitar a conciliación familiar e a coordinación co equipo de monitores. O punto de entrega e recollida establecerase no Centro Social do municipio.

O campamento desenvolverase en diferentes espazos municipais como o Polideportivo do Páramo, o Centro Social e o Campo da Feira, e estará coordinado por unha empresa especializada en actividades de tempo libre.

A programación ten como principal finalidade favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o período estival, ao tempo que ofrece aos máis pequenos unha alternativa de lecer e convivencia social mediante actividades adaptadas ás súas idades.

Os participantes deberán levar auga, bocadillo para media mañá, viseira, roupa cómoda e calzado axeitado. Ademais, os monitores informarán diariamente ás familias de calquera necesidade adicional.

O custo da actividade estrutúrase por quincenas e terá un prezo de 20 euros para os menores empadroados no Páramo e de 40 euros para aqueles que non o estean. Terán preferencia os nenos e nenas empadroados no municipio, así como os fillos de persoas traballadoras do municipio e alumnado do CEIP do Páramo.

As inscricións poderán formalizarse ata o 26 de xuño nas dependencias do Concello do Páramo. O número máximo de participantes será de 20 persoas e a selección realizarase segundo os criterios establecidos e a orde de inscrición.

0.14382982254028