O Páramo celebrará o 22 de agosto a súa II Feira de Artesanía con postos, gastronomía e actividades para todos os públicos

SarriaXa
A cita contará con artesanía, alimentación, pulpería, contacontos, demostracións en directo e a presentación do segundo libro dunha veciña da localidade, Pura López
campo-da-feira-Paramo-2
14 Aug 2026

O Concello do Páramo xa ten data para a celebración da segunda edición da súa Feira de Artesanía, que terá lugar o vindeiro 22 de agosto cun programa pensado para todos os públicos e que combinará artesanía, gastronomía, literatura e actividades de animación.

Durante toda a xornada, a feira reunirá distintos postos de artesanía e alimentación, ademais dunha ampla oferta gastronómica. Entre as propostas previstas destaca unha demostración continua de tallado en cristal no posto de Artesanía Corman, onde as persoas asistentes poderán coñecer de preto este oficio artesanal.

Ao mediodía, a Pulpería Susana e Javier encargarase do servizo de comidas, ofrecendo unha das propostas gastronómicas máis tradicionais das feiras galegas.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas, o público familiar poderá gozar dun contacontos a cargo de Lalá Teatro e Noelia Porto, unha actividade dirixida especialmente á cativada.

A programación continuará ás 18.00 horas coa presentación do libro La vida en pausa, obra da veciña do Páramo, Pura López, que vive en Barcelona.

A II Feira de Artesanía busca consolidarse como unha cita de referencia no calendario estival do municipio, promovendo o traballo artesanal, os produtos de proximidade e a dinamización social e cultural do concello.

0.11450004577637