O Páramo organiza nove viaxes á praia para o verán de 2026

O Concello do Páramo anunciou a programación das viaxes á praia previstas para o verán de 2026, unha iniciativa que permitirá aos veciños desprazarse durante os meses de xullo e agosto a distintos destinos costeiros de Galicia e Asturias.
As saídas previstas para xullo realizaranse os días 1, 8, 15, 22 e 29, con destinos a Covas, en Viveiro; Miño; Foz; Pontedeume e San Miguel de Reinante. No mes de agosto, as viaxes están programadas para os días 5, 12, 19 e 26, con visitas a Ares, praia urbana de Burela, Tapia de Casariego, en Asturias, e Torno, en San Cibrao.
Todas as saídas terán lugar ás 9.00 horas desde o Campo da Feira do Páramo, na Casa Amelia. O Concello estableceu diferentes tarifas en función da idade e da situación de empadroamento. Para as persoas empadroadas, a participación será gratuíta para menores de entre 0 e 3 anos, terá un custo de 4 euros para nenos de entre 4 e 10 anos e de 7 euros para maiores de 10 anos. No caso das persoas non empadroadas, os menores de 10 anos ou menos deberán aboar 7 euros, mentres que os maiores desa idade terán un prezo de 12 euros.
As inscricións poderán realizarse desde o xoves previo á viaxe correspondente ata o día anterior ás 13.00 horas. O pagamento efectuarase no propio autobús e recoméndase levar a cantidade exacta para evitar demoras.
Desde o Concello tamén lembran que as prazas asignaranse por orde de inscrición e que non se habilitará un segundo ou terceiro autobús se non se alcanza un mínimo de 20 participantes. Ademais, a comida correrá a cargo dos asistentes e a actividade está cofinanciada polo Concello.