O Poder Oculto no Silencio: A Desmitificación do Tai Ji Quan e a Excelencia do Kung Fu

Persiste aínda na sociedade un elevado descoñecemento arredor das artes marciais e, de xeito moi singular, sobre o Kung Fu, de natureza complexa, pois non constitúe unha única disciplina, senón un diverso conxunto de artes marciais chinesas. Neste sentido, se ben podería afirmarse que o Kung Fu Tai Ji Quan “Boxeo dos Supremos Opostos” é quizais o máis coñecido en Occidente pola súa vertente terapéutica, lonxe está a maioría de sospeitar a súa verdadeira natureza e potencial. Aínda son moitos os que ignoran que naceu na China como un sistema de Kung Fu que codifica contundentes e brutais aplicacións marciais, especialmente no seu estilo orixinal, o Chen.
A procedencia de culturas tan exóticas e a chegada serodia do Kung Fu ao noso país —o que mesmo facilitou que na década dos setenta prosperasen estilos inventados e franquías de sistemas alleos ao patrimonio marcial chinés e inexistentes tanto na China como no resto do mundo— deu lugar a un estraño organigrama, á dispersión dos centros de práctica e á súa regulación como disciplina asociada en diferentes federacións.
En España, o Kung Fu, aínda que moi coñecido nominalmente a través dos filmes e, máis recentemente, por debuxos infantís como Kung Fu Panda, continúa a ser, en esencia, esa misteriosa e antiga arte marcial.
A Transición do Marcial ao Terapéutico: De Chen a Yang
Cómpre precisar que o Tai Ji Quan experimentou un cultivo alleo á súa esencia orixinal incluso por vontade de mestres nativos. Historicamente, uns 150 anos despois de que o experimentado militar Chen Wangting consolidase o estilo Chen, na 14ª xeración xurdiu a figura de Yang Luchan. Este Mestre fundou o estilo Yang, reestruturando a arte cara a un método máis accesible e terapéutico, primando o cultivo da saúde e a lonxevidade en detrimento da eficiencia marcial máis directa. Aínda que ambas as orientacións non son excluíntes, o certo é que esta mudanza alumou algo distinto ao propósito inicial. Con todo isto, ao porto ao que desexo arrimar é a vontade de compartir a excelencia do Kung Fu Tai Ji Quan e, até certo punto, advertir sobre un fenómeno que impide activar os contidos fascinantes que o sistema garda encriptados, como capacidades que temos ao noso alcance e descoñecemos da súa existencia, como botóns ocultos nun teclado. Tras moitos anos xa de busca e de contacto con diversos Mestres, descubrín e estou a descubrir que aquilo que antes desmerecía a miña atención por consideralo un sistema ineficiente, é en realidade un Kung Fu cun significado oculto abraiante.
O Estancamento
O problema radica en que, a día de hoxe, o Tai Ji Quan apréndese e ensínase de maneira parcial. A práctica enténdese como un exercicio preparatorio perpetuo, unha fase previa da que xamais se chega a saír. Sálvanse poucas excepcións, como a de Shifu Miguel Ángel Rojo, actual presidente do Departamento Nacional de Kung Fu da RFE de Karate & Disciplinas Asociadas, quen, grazas á súa formación na China e ao seu contacto cos máis reputados mestres nativos, coñece e transmite a disciplina con todo o seu potencial e as súas aplicacións.
Ohabitual, porén, é unha práctica estancada no perfeccionamento da estrutura, sen chegar nunca aos módulos de aplicación, ao combate de estudo ou ao sparring libre nos seus distintos niveis de contacto. Resulta comparable a quen pasa toda a súa vida na zona da piscina onde a auga non supera a cintura, realizando exercicios con dispositivos de flotación e prácticas parciais sen aplicación directa, aínda que destinadas a mellorar a técnica, mais sen chegar nunca a nadar realmente.
O Método como Virtude e Obstáculo
A gran virtude do Tai Ji Quan é, paradoxicamente, o seu maior lastre para o neófito. En lugar de entregarse á celeridade, á forza bruta ou ao balbordo que adoitan caracterizar outros sistemas de Kung Fu e moitas artes marciais, o Tai Ji Quan interpélanos cunha quietude inquisitiva: “Cara a onde vas con tanta présa se aínda non comprendes o que executas?”.
Esta disciplina convídanos a deter os punteiros do reloxo como fase indispensable dun adestramento destinado a converter o consciente en instintivo. Cómpre aprender a camiñar antes de correr. O Tai Ji Quan resulta fascinante porque, ao suspender o tempo, obríganos a procurar unha coordinación exacta entre a mecánica corporal e a respiración. Esixe estudar a postura precisa e o traslado do peso dunha cadeira á outra, cultivando unha cinética óptima na que a translación da cadeira e a rotación da cintura operan como unha cadea sincronizada.
Nese estado de atención plena percíbese con claridade, por exemplo, como o metatarso do pé exerce presión contra o chan, iniciando a cadea de movemento que ascende a través do xeonllo, a cadeira, o ombreiro, o cóbado e a man. Neste proceso de introspección física, o Tai Ji Quan ordénanos:-Pecha os ollos-. Entón o practicante descobre que o equilibrio é moito máis fráxil do que sospeitaba. Mesmo na simple posición de apertura, cos pés paralelos, a ausencia de visión revela que o equilibrio non é un estado estático, senón unha corrección constante dunha caída permanente.
Tomamos así consciencia de como a planta de cada pé dialoga co chan, repartindo o peso entre o metatarso, o calcañar e os cantos, acordando consciencia cinestésica que antes pasaba inadvertida. É unha metodoloxía espléndida aplicable a calquera sistema de Kung Fu, e mesmo ás katas xaponesas ou aos poomsaes coreanos. A finalidade última debe ser interiorizar esta mecánica até integrala no inconsciente e aplicala nos distintos niveis de contacto, onde se aprende a controlar o estrés, a ansiedade e o medo en entorno controlado e seguro, espertando finalmente o instinto puxilístico natural.