O PP reclama cubrir as vacantes da Garda Civil en Sarria e na comarca

SarriaXa
Os populares alertan da falta de efectivos e piden ao Ministerio do Interior que complete os cadros de persoal
PP-prazas-cuartel-Sarria
28 Sep 2026

Representantes do PP da provincia de Lugo reclamaron ao Goberno central a cobertura das prazas vacantes existentes no cuartel da Garda Civil de Sarria e nos postos da comarca, ante a preocupación pola dispoñibilidade de efectivos para atender a seguridade no rural e no Camiño de Santiago.

Os senadores José Manuel Balseiro e Juan Serrano anunciaron o rexistro de iniciativas parlamentarias no Senado para solicitar ao Ministerio do Interior que complete os cadros de persoal. Durante a súa visita a Sarria estiveron acompañados pola deputada nacional Cristina Abades, a portavoz do PP local, Carmen José López, a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, e o portavoz popular de Samos, Miguel Gallego, entre outros representantes.

Segundo explicou Balseiro, o cuartel de Sarria ten asignados 21 efectivos, pero actualmente hai cinco prazas vacantes, dúas baixas de longa duración e cinco axentes que, aínda que figuran adscritos ao posto, prestan servizo noutros destinos, principalmente na Comandancia de Lugo. O senador asegurou que, na práctica, son nove os efectivos dispoñibles de maneira permanente para atender Sarria e outros municipios da zona.

Balseiro tamén sinalou que a provincia conta cun catálogo de 1.092 efectivos da Garda Civil, dos que 167 están sen cubrir, o que representa arredor do 17% do cadro de persoal. O senador afirmou que o problema é especialmente visible en comparación coa situación de 2018, cando, segundo indicou, o cuartel de Sarria tiña a plantilla completa.

Desde o PP de Sarria, Carmen José López defendeu tamén a creación dun posto principal da Garda Civil no municipio, aínda que situou como prioridade inmediata cubrir as vacantes existentes. Segundo afirmou, a falta de persoal está provocando unha maior carga de traballo para os axentes e pode afectar ao servizo prestado aos veciños da comarca.

Pola súa banda, a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, reclamou máis efectivos para unha comarca rural cun importante tránsito de peregrinos. A popular considerou necesario reforzar a seguridade tanto para os residentes como para as persoas que percorren o Camiño de Santiago.

O portavoz do PP de Samos, Miguel Gallego, incidiu tamén no incremento da poboación durante os meses de verán e na importancia do municipio dentro do Camiño Francés. Por este motivo, pediu ao Ministerio do Interior que cubra as prazas vacantes tanto no posto de Samos como no cuartel de Sarria.

0.14053297042847