O programa 'Lugo de corazón a corazón' chega a Samos con formación sobre saúde cardiovascular

A Asociación Lucense de Cardioloxía (ACARLU) continúa desenvolvendo o programa 'Lugo de corazón a corazón', unha iniciativa que leva formación e información sobre saúde cardiovascular a diferentes concellos da provincia. A próxima parada será Samos, onde mañá xoves, 20 de novembro, terá lugar unha nova sesión a partir das 11:30 horas.
O programa, que conta co apoio da Deputación de Lugo, pretende facilitar o acceso a coñecementos e ferramentas de prevención e autocoidado, especialmente entre as persoas que viven fóra dos grandes núcleos urbanos.
Ata o momento, ACARLU xa desenvolveu actividades en Navia de Suarna, A Pontenova e Guitiriz, onde as propostas tiveron unha boa acollida por parte da veciñanza.
As sesións inclúen charlas e coloquios sobre saúde cardiovascular, alimentación, medicación, sinais de alerta e hábitos saudables. Tamén contemplan formación práctica en reanimación cardiopulmonar (RCP) e utilización de desfibriladores.
A programación complétase con actividades físicas adaptadas, camiñadas e espazos de apoio e intercambio de experiencias entre persoas que viven ou viviron situacións relacionadas con enfermidades cardiovasculares.