O PSdeG de Lugo rexeita as concentracións do PP ante a crise de Ceuta e denuncia o uso partidista da FEMP

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
As e os socialistas acusan o Partido Popular de promover unha convocatoria unilateral que “non achega solucións e só busca alimentar a crispación e a confrontación”
emigracion-racismo-razas
31 Aug 2026

O PSdeG da provincia de Lugo manifesta o seu absoluto rexeitamento ás concentracións promovidas polo PP para o vindeiro 2 de setembro baixo a aparencia dunha iniciativa da Federación Española de Municipios e Provincias. As e os socialistas denuncian que esta convocatoria non foi consensuada cos grupos políticos nin aprobada polos órganos de goberno da Federación, senón que responde a unha decisión unilateral da súa presidenta, a popular María José García-Pelayo.

Dende o PSdeG provincial sosteñen que o Partido Popular volve empregar as institucións de maneira interesada para “alimentar a crispación e deteriorar a convivencia democrática”. “Estar con Ceuta significa contribuír con responsabilidade á recuperación da normalidade, non empregar o medo e a crispación para obter rédito político”, sosteñen.

Para as e os socialistas o PP non está defendendo a Ceuta nin aos ceutís, posto que non apoia medidas que permitan dar resposta aos seus problemas económicos, sanitarios, sociais e, sobre todo, humanitarios. Ademais, censuran que se negue a cumprir a legalidade en materia de acollida de menores. “A súa resposta redúcese ao postureo, á verborrea e á difusión de discursos que alimentan o enfrontamento social”, lamentan.

“O PP está empregando descaradamente unha institución democrática e representativa como a FEMP como arma política, entorpecendo os esforzos para recuperar a normalidade en Ceuta. Ao PP de Aznar, Feijóo e Rueda interésalle manter este ambiente de crispación e darlles espazo aos discursos da ultradereita: practican, unha vez máis, a estratexia do canto peor, mellor”, advirten.

As e os socialistas lucenses condenan con absoluta firmeza calquera forma de violencia, “sen equidistancias nin ambigüidades”, e recoñecen o traballo do Goberno de España, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, dos militares e do persoal de Cruz Vermella.

“A solidariedade con Ceuta demóstrase achegando solucións, non con actos unilaterais que só buscan alimentar a crispación e a confrontación. Fronte ao ruído do PP, defendemos o cumprimento da lei, a convivencia e unha resposta coordinada que permita garantir a seguridade e recuperar canto antes a normalidade”, conclúen.

0.13890695571899