O sector cárnico de Sarria responde a Claudio Garrido e esixe a reapertura inmediata do matadoiro

Os carniceiros e profesionais do sector cárnico de Sarria volveron reclamar a reapertura inmediata do matadoiro municipal, pechado desde hai sete meses, e expresaron o seu rexeitamento á estratexia do alcalde, Claudio Garrido, respecto ao futuro destas instalacións. Así, acúsano de utilizar un servizo público esencial como "refén político" para alcanzar os seus propios obxectivos e de condicionar a súa posta en funcionamento á aceptación dun modelo de xestión indirecta.
Os usuarios consideran que a prioridade debe ser resolver os problemas técnicos que impiden a actividade e buscar de maneira conxunta as vías de financiamento necesarias para acometer os investimentos en sustentabilidade. Neste sentido, critican que o goberno local vincule a reapertura á aceptación precipitada dunha concesión, sen ofrecer marxe de negociación ao sector.
Ademais, advirten de que os prazos administrativos necesarios para tramitar unha concesión deste tipo excederían os tempos razoables para recuperar o servizo, polo que consideran que esta vía podería prolongar o peche do matadoiro. Tamén cualifican de "irresponsabilidade" someter os profesionais e os usuarios particulares a presións para conseguir unha concesión que, ao seu xuízo, estaría deseñada á medida do actual goberno municipal en minoría.
O sector tamén cuestiona que se pretenda decidir o futuro dunha infraestrutura que considera fundamental para a comarca a só seis meses da constitución dunha nova corporación municipal. Por iso, reclama que sexa o goberno que saia das próximas eleccións municipais quen determine o modelo de xestión, sen precipitacións nin imposicións de última hora.
Entre as súas demandas, os profesionais esixen ao Concello que asuma a responsabilidade na reparación das avarías e permita recuperar o funcionamento do servizo sen condicionantes. Así mesmo, reclaman ao alcalde "rigor, responsabilidade institucional e sentido" e advirten de que non aceptarán decisións que poidan poñer en risco a continuidade dos negocios do sector nin a calidade do servizo para os consumidores.
Pola súa banda, toda a oposición municipal, integrada polo PP, o PSOE e o BNG, ofrecerá unha rolda de prensa conxunta este martes 17, ás 12:00 horas, no Hotel Alfonso, para abordar a situación do matadoiro e a súa reapertura.