O voluntariado de 'Territorio Sonoro' coñece en Sarria o traballo da Asociación Cultural Huhú e o proxecto Trienal

SarriaXa
As persoas participantes visitaron a SEDE-Núcleo Difusor de Arte Contemporánea, onde descubriron diferentes iniciativas de creación cultural e levaron material para elaborar o seu propio fanzine
territorio-sonoro-O-Incio-na-Sede-Huhu
17 Jul 2026

O grupo participante no campo de voluntariado Territorio Sonoro, unha iniciativa promovida pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia para recuperar a memoria oral e poñer en valor o patrimonio cultural e natural do Incio, realizou unha visita á SEDE-Núcleo Difusor de Arte Contemporánea de Sarria.

Durante o encontro, os mozos e mozas tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o labor que desenvolve a Asociación Cultural Huhú, así como os proxectos Trienal Sarria e o fanzine Macheta. A visita serviu para intercambiar experiencias e reflexións arredor da creación artística e da xestión cultural, nun espazo de diálogo que permitiu compartir ideas e entusiasmo entre os participantes e os responsables das iniciativas.

Ademais da visita, o grupo marchou con material para crear o seu propio fanzine, incorporando novas ferramentas e inspiración que lles serán de utilidade no desenvolvemento do seu traballo dentro do campo de voluntariado.

O proxecto Territorio Sonoro desenvólvese ata o 23 de xullo de 2026 e reúne a 15 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos procedentes de distintos puntos do Estado. A iniciativa ten como escenario principal as parroquias de Trascastro, A Ferrería e Hospital, no concello do Incio, onde as persoas participantes recompilan historias da veciñanza e elaboran contidos culturais e sonoros destinados a preservar e divulgar a memoria oral e a identidade do territorio mediante propostas creativas.

0.12018799781799