Os Gorriós de Louseiro celebrarán o San Martiño Caníbal o 7 de novembro cunha xornada de festa e música

A asociación Os Gorriós, da parroquia sarriá de Louseiro, organizará o vindeiro sábado 7 de novembro unha nova edición do San Martiño Caníbal, unha cita festiva que combinará gastronomía, propostas para os máis pequenos e música para gozar dunha xornada de convivencia.
A programación comezará ás 13.30 horas cunha sesión vermú amenizada pola orquestra Neverloura. Xa ás 15.30 horas celebrarase un xantar no campo da festa, cun menú único de cocido. O prezo será de 35 euros para os adultos e de 20 euros para os nenos de ata 10 anos.
A festa continuará ás 18.00 horas cunha actuación infantil a cargo de Iseo a Moura, pensada para que os máis pequenos tamén teñan o seu espazo na celebración. A partir das 20.00 horas, a música volverá ser protagonista coa actuación de Afogapalletas, de Taboada.
A verbena nocturna arrancará ás 22.00 horas coa actuación de Os Vacalouras, de Vigo, que poñerán o broche musical a unha xornada que busca reunir veciños e visitantes arredor da tradición festiva de San Martiño.
A iniciativa está organizada pola asociación Os Gorriós, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a área de Cultura e o Concello de Sarria.