Os maiores de Samos participan nunha xornada de convivencia e descubrimento do patrimonio local

Un grupo de veciños e veciñas maiores de Samos gozou dunha actividade de lecer e convivencia organizada no marco do programa 'Redes Que Cuidan', promovido por Cruz Vermella Lugo. A proposta permitiu aos participantes compartir unha xornada diferente, favorecendo as relacións sociais e a participación activa das persoas maiores.
Durante a actividade, os asistentes realizaron un paseo polo municipio e tiveron a oportunidade de coñecer máis de preto o museo etnográfico de Pío, nunha visita guiada polo propio responsable do espazo, que mostrou con especial dedicación e afecto os distintos elementos que forman parte desta colección vinculada á historia e ás tradicións da contorna.
Desde o Concello de Samos destacaron o valor deste tipo de iniciativas, que contribúen a combater o illamento, promover o envellecemento activo e crear novas conexións entre os veciños e veciñas do municipio.
A experiencia terá continuidade nos próximos días. De feito, para o vindeiro xoves está prevista unha nova xornada con actividades dirixidas ás persoas maiores de 65 anos do concello. O obxectivo será seguir ofrecendo espazos de encontro, participación e socialización para todas aquelas persoas que desexen sumarse á iniciativa.
O Concello anima aos maiores a participar nestas propostas, pensadas para desfrutar dunha experiencia diferente, fortalecer vínculos e compartir momentos de convivencia nun ambiente próximo e participativo.