Os veciños de As Insuas entregan 172 sinaturas para reclamar o dobre sentido na Gran Vía de Sarria

SarriaXa
Os residentes denuncian que o cambio de circulación lles obriga a dar rodeos, non mellorou o aparcamento e aumenta os riscos nunha zona con elevada poboación envellecida e varios servizos asistenciais
rua-das-Insuas-Sarria
29 Oct 2026

Os veciños do barrio de As Insuas de Sarria presentaron no Concello un total de 172 sinaturas para reclamar a recuperación do dobre sentido de circulación na rúa Gran Vía. Os residentes afectados polo cambio a sentido único consideran que a medida está a causarlles prexuízos diarios e piden ao Goberno local que rectifique.

Soledad Arias, unha das veciñas afectadas, explica que poderían ter recollido máis apoios, pero que o tempo dispoñible non lles permitiu continuar coa recollida. "Todos os veciños estamos de acordo en que non ten ningún sentido o cambio na dirección", asegura. Segundo lembra, a xustificación que recibiron foi que a modificación permitiría gañar prazas de aparcamento, pero sostén que non perciben esa mellora e que, pola contra, teñen máis dificultades para desprazarse.

O cambio obriga os residentes e outros usuarios da vía a realizar rodeos e percorridos adicionais para acceder ás súas vivendas, garaxes ou centros de traballo. Na práctica, os condutores deben abandonar As Insuas pola intersección coa rúa Matías López, a travesía urbana da LU-546 e unha das principais vías de saída de Sarria, nun cruzamento que consideran conflitivo polo elevado volume de tráfico.

Ademais, os veciños aseguran que algúns condutores continúan circulando en sentido contrario, como facían antes da modificación, mentres que outros optan por unha pista estreita coñecida como Rego da Lama, que durante o inverno se converte nun barrizal.

Os residentes xa intentaron trasladar as súas queixas ao alcalde, Claudio Garrido, e ao concelleiro de Seguridade, Félix Seijas, pero aseguran que non obtiveron resposta. Por iso, recorreron á representante do Partido Popular na oposición para tentar que a situación chegue ao pleno municipal previsto para este xoves e que o Goberno local aborde a súa petición.

Preocupación pola seguridade viaria

A reivindicación tamén responde á preocupación pola seguridade nun barrio cunha importante presenza de persoas maiores. Arias advirte de que na zona se atopan un centro de día e o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD), dous recursos que xeran un fluxo diario de vehículos, transporte adaptado e ambulancias.

A veciña considera que estas circunstancias incrementan os problemas de circulación e o risco de retencións nunha intersección que xa presenta dificultades para incorporarse á vía principal. Ademais, relata a súa propia preocupación pola situación do seu pai, que sufriu varios infartos e presenta risco cardiolóxico.

"Para saír á estrada de Matías López cústanos un mundo", explica. Segundo describe, a incorporación require prestar atención tanto aos vehículos que chegan desde Lugo como aos que circulan desde o centro de Sarria, o que complica especialmente a manobra e aumenta a súa inquietude pola seguridade.

0.14083814620972