Paradela contará cun espazo de ximnasio no seu pavillón municipal

O Concello de Paradela ampliará a súa oferta deportiva coa posta en marcha dun novo espazo de ximnasio no Pavillón Municipal, unha iniciativa coa que se pretende incrementar os servizos dispoñibles sen necesidade de construír novas instalacións, optimizando así os recursos existentes.
A alcaldesa, Montse Mulet Sar, anunciou este proxecto que permitirá destinar arredor do 30% da superficie do pavillón á instalación de máquinas e á prestación do servizo deportivo. A medida enmárcase na estratexia municipal de fomentar un concello máis activo e dinámico.
Para facer posible a súa xestión, o Concello iniciou o correspondente procedemento administrativo, polo que a explotación do servizo será adxudicada mediante unha autorización demanial de uso privativo por un ano, prorrogable ata un máximo de catro. A empresa ou persoa adxudicataria deberá aboar un canon mínimo de 1.080 euros anuais e o Concello reservarase a posibilidade de revogar o permiso por razóns de interese público debidamente motivadas.
O proxecto tamén contempla que o Concello adapte o acceso ao polideportivo mediante un sistema de tarxetas para os usuarios, asumindo ademais os gastos xerais de subministración de luz e auga.
Pola súa parte, quen resulte adxudicatario estará obrigado a contar cun seguro de responsabilidade civil cunha cobertura mínima de 150.000 euros, manter o espazo en perfecto estado, instalar pola súa conta o equipamento deportivo e cumprir a normativa sanitaria e de seguridade vixente, ademais de asumir os custos derivados da súa actividade.