Paradela programa nove viaxes á praia durante os meses de xullo e agosto

O Concello de Paradela deu a coñecer a programación das Viaxes á Praia Verán 2026, unha iniciativa que permitirá á veciñanza desfrutar de distintas xornadas en localidades costeiras galegas ao longo dos meses de xullo e agosto.
As saídas previstas para o mes de xullo serán o día 2 a San Cibrao, o día 9 a Laxe, o 16 a Boiro, o 23 a Pontedeume e o día 30 a Foz. Xa durante o mes de agosto, as viaxes continuarán o día 6 a Viveiro, o día 13 a Ribeira, o 20 a Ares e o 27 a Miño.
Todas as saídas realizaranse ás 8:30 horas desde diante do Centro Polifuncional Xesús Mato.
No referente aos prezos, as persoas empadroadas no Concello de Paradela deberán aboar 7 euros no caso de ter máis de 14 anos, mentres que as de 14 anos ou menos poderán participar de maneira gratuíta. Para as persoas non empadroadas, o custo será de 12 euros a partir dos 14 anos e de 6 euros para menores desa idade.
Desde a organización lembran que a comida correrá por conta das persoas participantes e destacan que esta actividade está cofinanciada polo Concello.
As persoas interesadas en participar deberán realizar a inscrición previamente nas oficinas municipais entre o luns e o mércores anterior a cada saída. Ademais, non se admitirán inscricións despois das 14:00 horas do día previo á celebración da viaxe. O Concello tamén habilitou o teléfono 982 541 101 para formalizar as anotacións.