Paradela reúne a centos de persoas na XXXI Festa dos Avós

O Concello de Paradela reuniu a centos de persoas na tradicional Festa dos Avós, que este ano alcanzou a súa trixésimo primeira edición. A celebración converteuse novamente nun punto de encontro para as persoas maiores do municipio, cunha xornada marcada pola convivencia e o recoñecemento ao seu papel na sociedade.
A programación incluíu un xantar de confraternidade, música a cargo da Banda de Música de Paradela e a entrega de agasallos ás persoas participantes, nunha xornada pensada para compartir e celebrar entre veciños e familias.
Na celebración participaron tamén o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares. Rodríguez puxo en valor a importancia deste tipo de encontros, nos que se recoñece a contribución das persoas maiores á mellora da sociedade, e agradeceu ao Concello de Paradela a invitación á festa.