Peleriños dará a benvida ao novo curso cunha foliada no Paseo do Malecón

A Asociación Cultural Peleriños dará a benvida ao novo curso cunha tarde-noite de música tradicional no Paseo do Malecón, onde o vindeiro 2 de outubro celebrará a súa proposta "A Benvida Peleriña". A actividade comezará despois da asemblea aberta de socios, prevista para as 19.50 horas.
Tras a reunión, os participantes desprazaranse ata o Paseo do Malecón para compartir unha velada de música, baile e canto. A programación contará coa actuación do cuarteto de Peleriños e do grupo de pandereteiras da asociación, Por Vir.
Unha vez rematadas estas actuacións, a celebración continuará cunha foliada aberta, coa intención de prolongar a música e a participación durante a noite.
Desde Peleriños animan á veciñanza a sumarse á proposta e participar tocando, cantando ou bailando nesta benvida ao novo curso da asociación.