Piñeiro acusa ao PP de manipular a historia da estación de Moscán e esixe unha rectificación pública

SarriaXa
O alcalde de Láncara sostén que a infraestrutura foi impulsada e posta en servizo por gobernos populares e reclama respecto para a veciñanza do rural
alcalde-de-Láncara,-Darío-Piñeiro
20 Jul 2026

O alcalde de Láncara, o socialista Darío Antonio Piñeiro López, cargou contra os senadores do Partido Popular José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano por, segundo afirmou, "mentir deliberadamente" sobre a estación ferroviaria de Moscán ao atribuír ao actual Goberno de España a responsabilidade dunha infraestrutura que, asegurou, foi promovida e posta en funcionamento durante mandatos do PP.

O rexedor manifestou que "xa abonda de tomarnos por parvos" e considerou que chegou o momento de "falar claro". Neste sentido, lembrou que foi o Ministerio de Fomento, baixo o Goberno de José María Aznar, quen impulsou en 2002 a construción da nova estación de Moscán.

Segundo explicou o PSdeG, esta infraestrutura formaba parte da variante ferroviaria deseñada para substituír a antiga estación da Pobra de San Xiao, que pechou ese mesmo ano debido á escasa demanda de viaxeiros. A nova estación entrou en servizo en abril de 2018, cando Mariano Rajoy era presidente do Goberno, e fíxoo sen que os trens efectuasen paradas para pasaxeiros.

Piñeiro criticou que, oito anos despois da súa posta en funcionamento, os representantes populares comparezan diante da estación para responsabilizar ao Executivo de Pedro Sánchez dunha situación que, ao seu xuízo, deriva de decisións adoptadas por gobernos do propio Partido Popular. Ao seu entender, resulta especialmente grave que se fagan declaracións sobre as infraestruturas da comarca sen coñecer os antecedentes e alterando a cronoloxía dos feitos.

O alcalde tamén reprochou ao PP que actúe como se non tivese participado nin na planificación da infraestrutura nin na decisión de poñela en servizo sen paradas de viaxeiros. Segundo afirmou, foron os gobernos populares os que aprobaron e executaron o proxecto e agora, dixo, pretenden desvincularse das súas consecuencias.

En relación coa denominación da estación, Piñeiro lembrou que o nome de Moscán foi establecido no proxecto que substituíu a antiga estación da Pobra de San Xiao por unha nova infraestrutura situada nesa localidade. "Foron eles mesmos os que lle puxeron o nome á estación", subliñou.

O rexedor reclamou respecto para a veciñanza de Láncara e do Páramo, asegurando que vivir no rural non implica descoñecer a historia da infraestrutura nin as responsabilidades políticas vinculadas á súa creación.

Finalmente, esixiu aos tres senadores populares e ao alcalde do Páramo que rectifiquen publicamente as súas declaracións, recoñezan o papel desempeñado polo PP na planificación e posta en marcha da estación e deixen, segundo indicou, de manipular as datas dos feitos. Piñeiro concluíu afirmando que a cidadanía de Láncara e do Páramo non vai aceptar que se lle falte ao respecto nin que se pretenda enganar aos veciños.

0.097336053848267