Portomarín e Paradela acollerán saídas ao monte na procura de cogomelos cunha nova experiencia micolóxica

LugoXa | SarriaXa
A actividade ‘A caída da folla’ celebrarase o sábado 17 de outubro, de 10.00 a 19.00 horas, cunha saída ao bosque para aprender a identificar e recoller diferentes especies e un menú de degustación por 15 euros
setas-cogomelos-micoloxia
16 Oct 2026

Portomarín e Paradela serán os escenarios dunha nova proposta para gozar do outono a través da natureza e da gastronomía. Baixo o nome de A caída da folla, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra organiza para o sábado 17 de outubro a actividade ‘Cestas y al bosque’, unha experiencia que convida os participantes a adentrarse no monte para descubrir o mundo dos cogomelos.

A xornada estará centrada na procura de diferentes especies, como as macrolepiotas, os lactarius e os boletus, co obxectivo de aprender a coñecelas, distinguilas e recolectar aquelas máis saborosas. A proposta combina así o contacto directo coa natureza coa divulgación micolóxica e o aproveitamento dos produtos propios desta época do ano.

Ademais da saída ao bosque, a experiencia incluirá un menú de degustación para completar a xornada cunha vertente gastronómica. Deste xeito, os asistentes poderán achegarse ao mundo dos cogomelos tanto desde a súa identificación e recollida como desde as posibilidades culinarias que ofrecen.

A actividade desenvolverase entre as 10.00 e as 19.00 horas e terá un prezo de 15 euros por persoa. A iniciativa forma parte do programa ‘Experiencias Outono 2026’, que propón diferentes actividades durante as fins de semana comprendidas entre o 17 de outubro e o 8 de novembro.

0.13991498947144